CRÓNICA | O Lugo perde ante un Sporting con 10

Os albivermellos non foron quen de aproveitar a superioridade numérica
A afección sportinguista, coñecida como a 'Mareona', ateigou en número superior a 2.000 persoas as bancadas do Ángel Carro. (Foto: LFP).
photo_camera A afección sportinguista, coñecida como a 'Mareona', ateigou en número superior a 2.000 persoas as bancadas do Ángel Carro. (Foto: LFP).

Primeira derrota do Club Deportivo Lugo desde a contratación de Fran Justo. A escuadra albivermella deixou escapar un partido ante o Sporting de Xixón (0-1) no que tiña todo a favor para sumar tres puntos por segunda xornada consecutiva por vez primeira desde setembro, tendo en conta a expulsión de Pablo Insua no minuto 58, cando no marcador aínda imperaba o empate a cero.

No seu terceiro partido como preparador albivermello Fran Justo optou por repetir once por terceira vez. Tras lograr un empate no seu debut e un triunfo no seu segundo compromiso, o ourensán aplicou ese vello axioma de "se algo funciona, para que cambialo".

Deste modo, o conxunto albivermello formou con Óscar Whalley na portería; Miguel Loureiro, Alberto Rodríguez, Zé Ricardo e Xavi Torres en defensa; Juanpe, Clavería, e Moctar Sidi El Hacen no medio campo; e Jaume Cuéllar e Sebas Moyano na liña de ataque coa misión de abrir o campo e fornecer de balóns o goleador Chris Ramos.

Por parte asturiana, o 'Pitu' Abelardo si que realizou modificacións con respecto ao equipo que perdera a pasada fin de semana coas Palmas, optando polo veteranísimo 'Pichu' Cuéllar; Guille Rosas, Cote, Gragera e o galego Pablo Insua, Aitor García, Carlos Izquierdoz, Zarfino, Uroš Đurđević, Cristo González e Dani Queipo. 

Escalofriante lesión de Juanpe

A primeira gran oportunidade do encontro chegou no minuto 9, tras un breve período inicial de estudo mutuo, cando Zé Ricardo -nunha veloz incorporación en campo rival- enviou un balón ao pau no marco dunha ofensiva global dun Lugo que cheirou sangue tras constatar que o arqueiro visitante estaba tendo problemas de visión a causa da posición do sol sobre o terreo de xogo.

Cando a luz foi remitindo, o partido entrou nunha fase semi letárxica escachada por completo pola lesión de Juanpe, que dobrou un nocello no minuto 28 nunha xogada aparentemente sen risco, pero que podería implicar unha baixa de longa duración. O centrocampista foi consciente da gravidade desde o primeiro momento, avisando el mesmo ás asistencias entre visíbeis xestos de dor.

Unha vez retirado en padiola e substituído por Marca Carbó, un home de características similares, o Lugo levantou o pé do acelerador, quizais afectado psicoloxicamente pola lesión do seu compañeiro, aínda que non pasaron maiores apuros até o tempo de descanso.

Afundimento na última media hora

Soaba o Eye of the tiger xusto antes de que comezara o segundo tempo, e quizais imbuído polo espírito motivador da canción de Rocky El Hacen intentou unha acrobática chilena no 50 que marchou por enriba da portería defendida por Cuéllar.

A mellor do partido até ese momento chegou no 56, cando baixo paus Alberto Rodríguez sacou un disparo de Djuka que xa superara Óscar Whalley tras picarlle o balón por enriba. Inmediatamente despois, Insua foi expulsado por dobre amarela despois de que o colexiado sancionara unha acción sobre o calcaño de Sebas Moyano. 

Cando todo pintaba a favor, o Lugo viuse abaixo. A piques estivo de sorprender no 77 -nunha xogada moi similar á de Zé Ricardo no primeiro tempo- o cafeteiro Juan Otero, futbolista do que das súas botas sairía  gol da vitoria do Sporting, materializado por Zarfino no minuto 81.

Comentarios