sábado 24/07/21

As críticas ao responsábel de comunicación do Celta abren o debate da lingua

As redes sociais son o espello dunha marca e poden servir para mellorar a imaxe a quen representan. A notábel redución da presenza da lingua galega nas redes sociais do Celta de Vigo, o club galego con máis seguidores, provocou a reacción de seareiras e seareiros reivindicando o sentimento da entidade celeste. 
Os xogadores do Celta coas camisolas recollendo palabras galegas con motivo do Día das Letras Galegas 2021 (RC Celta de Vigo).
Os xogadores do Celta coas camisolas recollendo palabras galegas con motivo do Día das Letras Galegas 2021 (RC Celta de Vigo).

A imaxe exterior dun club ten moito que ver, nos últimos anos, con como se mostra a través das redes sociais. Se falamos de deportes como o fútbol, con milleiros de seareiras e seareiros, o coidado de como se transmite pasa a ser fundamental pola facilidade de viralizar unha mensaxe ao conxunto da sociedade. Por este motivo causou primeiro sorpresa, e os últimos días indignación, a liña que se segue desde o Celta de Vigo nas súas redes sociais. 

As olladas agora están postas na decisión que tomou en xuño deste ano a súa xunta directiva, presidida por Carlos Mouriño, cando presentaba a través dun comunicado a incorporación do xornalista Marco Rocha como novo director de comunicación e contidos do club. Segundo a entidade celeste, a nova fichaxe chegaba a Vigo "coa misión de potenciar e fortalecer a imaxe de marca e as canles comunicativas e para traballar de maneira conxunta coas áreas comercial e de mercadotecnia".

O perfil de Rocha salientaba por ter estudado fóra, en Salamanca e Madrid, ademais dunha traxectoria laboral ligada á Federación Española de Fútbol e a cadeas de televisión privadas e públicas tamén con sede en Madrid. O incremento do castelán nas redes sociais do Celta desde a súa chegada fixo que o pasado 14 de xullo se propuxera desde unha conta de Twitter seguidora celeste unha revolta para denunciar esta situación e chiar co cancelo #CeltaEnGalego ademais de deixar de seguir a oficial do club. 

Reaccións en cadea a unha decisión polémica

Coa proposta aberta xurdiu na mesma rede social o debate sobre a lingua, o deporte e as propias redes sociais. Desde algúns perfís lembrouse que outros clubs tampouco teñen en conta o galego nas súas redes sociais ou que o empregan pouco. Outros sinalaron que entre a afección é necesaria máis conciencia lingüística e mesmo houbo quen sinalou que "o seguinte paso será traducir o himno do Celta ao castelán". 

Estes días tamén algúns medios de comunicación aproveitaron para realizar varias enquisas, a través das redes sociais, sobre este mesmo tema. En todas elas o resultado foi unha resposta social maioritaria a favor de que se empregue o galego como lingua oficial do club en todas as súas canles. 

Unha das entidades que reaccionou de inmediato á polémica , tamén a través das redes sociais, foi a Mesa pola Normalización Lingüística. En declaracións a Nós Diario, Carlos García, responsábel de comunicación, asegura "non poder estar máis satisfeitas da resposta da afección celtista demandando unha necesidade que consideran vital para súa equipa e coa que concordamos plenamente". 

A importancia do galego nas redes dos clubs

O Celta de Vigo é, na actualidade, o club con máis seguidores en Twitter, posto que contabiliza 474.179, seguido do Deportivo da Coruña, con algo máis de 378.000. A certa distancia estarían o CD Lugo con algo máis de 100.000 e o Racing de Ferrol con 16.000. Estas cifras sinalan a relevancia do debate para a lingua e a imaxe social que teña na relación entre estas entidades e a sociedade. 

"A relevancia da lingua galega nas comunicacións, neste caso a través das redes sociais, dunha equipa que xoga a primeiro nivel é de gran relevancia polos valores que transmite cara a súa afección", indican desde a Mesa, "e nisto non caben escusas de audiencias, pois hai menos de un mes o propio presidente do FC Barcelona, Joan Laporta, anunciaba que as contas principais en redes sociais da equipa só comunicarán en catalán", engaden.

Diante do propio FC Barcelona e no Camp Nou foi cando a entidade celeste decidiu amosar o seu sentimento pola lingua galega nunha campaña que tivo moita repercusión, tamén, nos medios de comunicación de Catalunya que lembraban que as Letras Galegas deste ano homenaxeaban a Xela Arias, unha "viguesa como o Celta". 

Desde a propia Mesa, con ánimo positivo, fan unha recomendación ao responsábel de comunicación do Celta de Vigo que tamén pode ser moi útil para outras e outros profesionais que traballen en entidades deportivas e teñan interese en respectar a lingua galega. "Non esquezamos que existe tamén a posibilidade de crear diferentes perfís para comunicar en distintas linguas", lembran a Nós Diario.

comentarios