Cristóbal expulsa Çolak do treinamento: "Se non queres adestrar pódeste ir"

Nas vésperas do decisivo partido face o Levante, prodúcese un incidente en Abegondo que deixa ver perigosos sinais de descomposición na equipa coruñesa.

Emre Çolak, gol do Deportivo-Valéncia (1-1), 31 de outubro de 2016
photo_camera Çolak remata a gol nun Deportivo-Valencia

Çolak viuse envolvido nun pequeno tirapuxa con Eneko Bóveda -o lateral destro asinado polo Dépor neste mercado de xaneiro entrou ao turco cunha dureza que este considerou excesiva- e o dorsal 8 do Deportivo reaxiu desabridamente. Á seguinte acción en que lle chegou a pelota, enviouna lonxe do campo de xogo con visíbel irritación. Chove sobre mollado. A impresión moi estendida no clube da Praza de Pontevedra é que o talentoso Çolak non é precisamente un devoto do traballo duro nos adestramentos e que aproveita a menor ocasión para se borrar deles.

Ao ver a súa actitude, Cristóbal Parralo dirixiuse nestes termos ao ex futebolista do Galatasaray: "Que problema hai? Tes algún problema? Se non queres adestrar, pódeste ir. Se queres vaite. Vaite. Vaite". E foise. Cara ás duchas.

Non é o primeiro incidente nos treinos da atribulada equipa coruñesa, que viaxa no vagón do descenso, a dous pontos da salvación. Semanas atrás foran Arribas -quen acabaría saíndo do clube, rumo ao futebol mexicano- e Andone os que protagonizaron unha pequena lea, saldada coa aplicación do réxime disciplinario interno do clube após seren afastados dunha sesión dos adestramentos por decisión de Cristóbal.

Falta agora por ver como vai reaxir o clube perante esta expulsión do turco, un futebolista que -embora a súa intermitencia- achega á equipa as pingas de criatividade das que carecen os seus compañeiros.

Comentarios