A Covid-19 volve pór en xaque o deporte

O adiamento, suspensión ou directamente cancelación de partidos e eventos deportivos multiplícanse non só na Galiza, senón no conxunto do Estado, nunha situación que xa está provocando un debate sobre a necesidade -ou non- de cambiar o rumbo adoptado desde o xa afastado mes de marzo de 2020.
 
Os continuos adiamentos están adulterando unha competición na que os celestes están en plena loita por meterse na Copa. (Foto: EITB).
photo_camera Os continuos adiamentos están adulterando unha competición na que os celestes están en plena loita por meterse na Copa. (Foto: EITB).

"O Leite Río Breogán-Bitci Baskonia, programado para este domingo, 9 de xaneiro, ás 12.30 horas e correspondente á xornada 17 da Liga Endesa queda aprazado ante a situación de positivos de Covid-19 que afectan ao cadro de xogadores baskonista. Proximamente, ACB comunicará unha nova data". 

Esta é a terceira ocasión en recentes datas en que os e as afeccionadas do conxunto lucense tiveron que enfrontarse a un chío destas características, situación especialmente dolorosa nun momento en que o Breogán está inmerso en plena loita para clasificarse para a Copa.

Mais o fenómeno non é exclusivo da escuadra celeste, ou do baloncesto, pois desde que a variante Ómicron fixo a súa entrada en Europa todas as disciplinas, en maior ou menor medida, están sufrindo a repunta duns casos activos da Covid que, polo menos no deporte, afortunadamente na maioría dos casos non están revestidos de especial gravidade.

Iso levou a numerosos seareiros e seareiras dos máis diversos equipos e disciplinas a cuestionarse publicamente a través das redes sociais se os protocolos que se están adoptando -e que en non poucas ocasións datan dos comezos da pandemia- son os adecuados. "Parar dúas ou tres semanas ou retomar a competición?", "Volver estabelecer grupos burbulla entre as deportistas?" Son algunhas das solucións que están a propor para deter a sangría de cancelacións, mais esa clase de medidas evidenciarían non só un retroceso temporal a 2020, senón o fracaso de toda a política deportiva relacionada coa pandemia.

Unha das entidades máis rotundas neste sentido foi o Deportivo Liceo de hóckey, que recentemente levou a cabo unha rolda de tests entre os seus xogadores apostilando que non eran obrigatorios e expresando o seu desexo de que a OK Liga decretase a súa obrigatoriedade "polo ben da competición e das deportistas".

Aprazada toda a Terceira Galega

O grupo 1 da Terceira RFEF, tamén coñecida como Terceira Galega, leva desde finais de novembro sen poder completar nin unha soa xornada a causa da Covid-19, un problema que, como acontece no conxunto da sociedade, agravouse nas últimas semanas.

A día de hoxe, os positivos multiplícanse entre o cadro técnico e de xogadores da inmensa maioría dos equipos, estando afectados Alondras, Arzúa, Estradense, Fabril, Noia, Silva, Sofán ou Somozas, o que impide a disputa dos encontros programados para esta fin de semana.

Ante este escenario, Tamara Barreiro, xuíza de competición da Real Federación Española de Fútbol, decretou o adiamento de todos e cada un dos partidos da décimo oitava xornada, choques para os que -polo de agora- tampouco confirmou unha nova data. 

Na seguinte categoría do fútbol do país, a Preferente Galiza, tamén están inmersos nunha situación similar, aínda que a Federación Galega de Fútbol optou por non seguir o exemplo da súa homóloga estatal e unicamente anulou cinco dos 18 partidos previstos.

Comentarios