Coudet convoca Santi Mina ante o Real Madrid após pedirlle a Fiscalía oito anos de prisión por agresión sexual

A acusación particular solicita nove anos e seis meses de cárcere para Mina, como autor principal, e a mesma pena para Goldar, ao que considera cooperador necesario. As defensas piden a libre absolución ao entender que a relación foi consentida.
Santi Mina, nun partido da pasada tempada. (Foto: Europa Press)
photo_camera Santi Mina, nun partido desta tempada (Foto: Europa Press).

O arxentino Eduardo "Chacho" Coudet, adestrador do Celta de Vigo, confirmou esta sexta feira que o dianteiro Santi Mina entrará na convocatoria para recibir o Real Madrid malia que o fiscal Miguel Blasco mantén a petición de oito anos de prisión para o futbolista pola presunta agresión sexual a unha muller en xuño do 2017 en Mojácar (Almería).

"Até que a xustiza diga o contrario, é inocente. Falei con el para saber como estaba, e seguramente falarei un pouco máis cando nos crucemos en persoa. Para nós é un xogador importante, e por iso estará na convocatoria", explicou o técnico celeste en rolda de prensa.

Visto para sentenza

O xuízo contra o dianteiro do Celta Santi Mina e o defensa do Eivissa David Goldar, por unha presunta agresión sexual cometida en Mojácar (Almería) no verán de 2017 quedou visto para sentenza na mañá desta sexta feira tras unha derrdeira sesión na que a defensa do futbolista volveu insistir no consentimento da demandante e concluíu que a súa intención sempre foi a do engano.

O fiscal Miguel Blasco indicou durante a sesión de onte que, unha vez "constatada" a presenza de ADN de Santi Mina na exploración xinecolóxica, só quedaba estabelecer se o "acceso carnal" se produciu "con pleno consentimento ou sen consentimento".

Violencia

"A violencia produciuse, non só pola falta de consentimento, que non foi tácita, senón que foi expresa, senón tamén porque o acusado actuou de forma absolutamente sorpresiva, inesperada, imprevisible", remarcou para preguntarse a continuación se "hai algo máis violento que cometer esa acción dese xeito" e concluír que existiu "unha intimidación clara" por que a presunta agresión produciuse nun espazo de "apenas dous metros cadrados e en presenza de dous homes novos, atléticos".

Nunha extensa disertación que se prolongou durante 45 minutos, o fiscal asegurou que existen "elementos probatorios máis aló da mera valoración sobre a credibilidade" da denunciante, que devén "reforzada" por estes elementos, e subliñou que, por se non fose "suficiente" a " verosimilitud, permanencia no tempo e a ausencia de contradicións esenciais" no seu testemuño, as periciais forenses revelan que as lesións tanto físicas como psicolóxicas "son absolutamente compatibles" con "o seu relato de feitos".

Incongruencia

Blasco sinalou a "incongruencia" na versión dada ao longo do procedemento polos acusados sobre o que sucedeu e considerou que a súa "falta de verosimilitud" provén "da constatación de que non cadra coa secuencia obxectiva de feitos".

Remarcou que resulta "innegábel" que a vítima se foi da discoteca "só cun dos acusados nunha decisión voluntaria" para manter relacións sexuais -en alusión a David Goldar-, e afirmou que non é un "indicio" senón "unha certeza" que "non aceptou nin expresa nin tacitamente" facelo co acusado Santi Mina.

"É un feito insólito que, de forma sorpresiva e, como foi aceptado por todas as partes, en calzóns, aparecese erecto na furgoneta a non ser que estivese premeditado para facer unha acción que non é razoable", dixo.  "Non hai que ir moi lonxe para saber o que quería", apostilou.

Peticións de penas

Fiscalía mantén a petición de oito anos de cárcere para o futbolista do Celta e a exculpación do seu compañeiro, que comparecu citado como testemuña. 

A acusación particular solicita nove anos e seis meses de cárcere para Mina, como autor principal, e a mesma pena para Goldar, ao que considera cooperador necesario. As defensas piden a libre absolución ao entender que a relación foi consentida.

Comentarios