A Coruña tornará en abril no centro do hóckey continental

A 'Golden Cup' reunirá os 12 mellores equipos de Europa.
O conxunto herculino recibirá rivais do nivel de Barça e Porto.(Foto: Hóckey Global).
photo_camera O conxunto herculino recibirá rivais do nivel de Barça e Porto.(Foto: Hóckey Global).

A Galiza, e máis concretamente A Coruña, será sede doutro gran torneo internacional no ano 2022, neste caso na modalidade de hóckey sobre patíns. Desde o día 11 e até o 17 de abril a cidade herculina tornará no centro neurálxico continental desde deporte co gallo da Golden Cup, competición que conmemora o 50 aniversario do Deportivo Liceo.

Esta sorte de Copa de Europa oficiosa reunirá os 12 mellores equipos do planeta, pois ademais dos verdibrancos serán da partida os portugueses Porto, Benfica, Oliveirense e Sporting de Portugal; os cataláns Noia, Reus, Caldes e Fútbol Club Barcelona; o italiano Forte dei Marmi e o francés Saint-Omer.

Segundo informaron desde o Liceo, o formato será "tan sinxelo como atractivo", pois logo dunha fase de grupos con catro equipos en cada un, os dous mellores avanzarán até uns cuartos de final que preceden ás semifinais e á gran final.

O Liceo recorta distancias co Barcelona

Milagre! O Barcelona, logo de 17 vitorias consecutivas, deixou os seus primeiros puntos da tempada na casa de Pas Alcoi (3-3). Este resultado, unido a unha nova vitoria do Liceo (6-2 ante Igualada) permite os coruñeses recotar distancias e xa están a só cinco puntos dos cataláns cando quedan apenas tres semanas para a disputa do gran clásico do hóckey estatal entre primeiro e segundo clasificado da OK Liga.

O Liceo feminino 'molla' nunha pista difícil

No referente ás mulleres do Liceo, que representan o país na OK Liga feminina, estas lograron un triunfo de mérito na pista de Bigues i Riells, lugar no que só puntuaran dous equipos no que vai de campionato. Logo deste resultado, as verdibrancas consolídanse na zona media da clasificación con 16 puntos.

A vitoria ante as catalás estivo cimentada na paciencia, pois non foi até o minuto 17 cando María Sanjurjo -que a pasada semana expresaba nunha entrevista nas páxinas de Nós Diario a súa intención de ir "a por todas"- logrou bater Helena Saldaña, conseguindo unha vantaxe que ela mesma se encargaría de aumentar no minuto 35 (0-2) e no 43 (1-3, logo de que Erika Ghirardello reducise distancias no 40). Finalmente, Bea Gaete subiu ao marcador o definitivo 1-4 no minuto 49.

Comentarios