A Coruña reflexiona sobre o pasado e o futuro do Dépor

O Foro Cívico organiza unha palestra na que participa, por primeira vez, unha xogadora do equipo feminino
Dani
photo_camera As protagonistas da palestra do Foro Civico, durante un momento da intervención (Foto: Nós Diario).

O salón de actos situado no edificio da ONCE, no Cantón Grande da Coruña, acolleu durante a noite de onte unha palestra denominada Pasado, presente e futuro do Deportivo, organizada polo Club de Opinión Foro Cívico.

No acto, que estivo conducido polo xornalista Moncho Viña, tomaron parte o adestrador do Real Club Deportivo, Fernando Vázquez; Dani Giménez, gardameta titular da escuadra branquiazul; Antonio Eduardo López Beci, histórico xogador do conxunto galego dos anos 60 e 70, portador en case 200 ocasións da elástica branquiazul; e Miriam Ríos, futbolista do Deportivo Abanca.

A presenza da defensa central do único equipo galego na máxima categoría do fútbol feminino foi histórica, xa que por primeira vez nos case 30 anos de historia do Foro Cívico participou unha deportista nun dos seus eventos relacionados co fútbol. 

"En principio ía vir a centrocampista Alba Merino –explica para Nós Diario Manuel Monge, secretario do Foro Cívico- mais hai un par de semanas rompeu a clavícula, e contamos no seu lugar con Miriam Ríos, que ademais é a capitá".

Durante a súa intervención na palestra, Ríos relatou, entre outros temas, como se viviu desde dentro a histórica remontada que protagonizou xunto coas súas compañeiras o pasado domingo 1 de outubro, cando o Deportivo Abanca anotou catro goles en menos de 10 minutos para darlle a volta a un 3-0 en contra ante o Real Madrid Tacón.

Moita historia, máis actualidade

O secretario do Foro Cívico indica que o feito de "estar atentos a temas de actualidade, incluído o deporte" forma parte dunha constante histórica na traxectoria dunha agrupación que en dous anos celebrará o seu 30 aniversario, e lembra un acto que foi "todo un éxito" organizado nos anos 90 e no que xuntaron os tres presidentes do propio Dépor, o Celta e a Sociedade Deportiva Compostela, os tres principais equipos galegos por aquel entón, todos eles pertencentes á Primeira División. 

Durante o acto de onte, que estivo aberto ás intervencións do público, tamén houbo espazo para abordar outros temas de actualidade, como as posibilidades de disputar o play-off de ascenso, o estado da canteira, ou a débeda con Abanca.

Comentarios