martes 29/09/20

A Coruña, cidade onde Tebas é forasteiro

O pleno municipal esixe a súa inhabilitación e a dimisión da presidenta do CSD
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, durante o pleno municipal. (Foto: Concello da Coruña).
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, durante o pleno municipal. (Foto: Concello da Coruña).

PSOE, BNG, PP, Marea Atlántica e Grupo Mixto, todas as formacións que integran o pleno municipal da Coruña, superaron por un día as súas diferenzas para unirse nunha declaración institucional que esixe a dimisión da presidenta do Consello Superior de Deportes (CSD), Irene Lozano, e a inhabilitación do presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), Javier Tebas.

A causa? As súas actuacións no coñecido como 'Caso Fuenlabrada'.

Ademais de instar á súa inhabilitación, repróbase o presidente da Liga "polos seus ataques" ao Deportivo da Coruña e decláraselle persoa 'non grata' na cidade herculina.

Tamén se esixe ao delegado do Goberno na Galiza e ex alcalde polo Partido Socialista, Javier Losada, que "rectifique as súas declaracións nas que apoiaba a incomprensíbel actuación do CSD en lugar de defender o Real Club Deportivo e á súa cidade".

A Fiscalía Xeral remite á da Coruña a denuncia do CSD  

Por outra banda, a Fiscalía Xeral do Estado acordou enviar á Fiscalía da Coruña a documentación relativa ao informe remitido polo Consello Superior de Deportes polos feitos acaecidos en xullo antes e despois do partido entre Dépor e Fuenlabrada.

En concreto, explica que o informe enviado pola entidade presidida por Irene Lozano o pasado 4 de setembro foi acompañado por "unha denuncia anónima contra Javier Tebas pola súa actuación como presidente da liga de Fútbol Profesional, presentada en xaneiro de 2018 ante o CSD, e os informes que se elaboraron pola Avogacía do Estado relativos á devandita denuncia".

comentarios