Baloncesto

A Coruña e Ourense, preparadas para a LEB Ouro

Comeza a carreira do ascenso cara a Primeira co inicio da Segunda División do baloncesto estatal. O Coruña visitará ao Juaristi ISB e o Ourense recibe ao Guuk Gipuzkoa Basket.
O adestrador do Club Ourense Baloncesto, Guillermo Arenas (Foto: Nós Diario).
photo_camera O adestrador do Club Ourense Baloncesto, Guillermo Arenas (Foto: Nós Diario).

O Leyma A Coruña e o Club Ourense Baloncesto (COB) comezan esta sexta feira unha nova tempada na LEB Ouro o primeiro e unha volta á categoría o segundo. Nesta primeira xornada, o equipo coruñés visitará ao Juaristi ISB (Polideportivo de Azpeitia, 21.30 horas) mentres que os ourensáns recibirán ao Guuk Gipuzkoa Basket (Pazo Paco Paz, 21 horas). 

Onte ambos os dous clubs aproveitaron para comparecer diante da prensa e analizar o inicio da competición. O técnico do Leyma Coruña, Diego Epifanio, asegura que empezan a tempada “con moita ilusión. Tivemos algúns contratempos durante a pretemporada: as molestias que tivo Javi, o falecemento do pai de Atou… Tivemos varias cousas que nos foron condicionando o que puidésemos traballar todos xuntos”.

Porén, cre que “coa chegada de Atou outra vez ao equipo podemos acabar de planificar un pouco este partido”. En relación ao rival e ao tipo de encontro que espera, Epifanio comentou que “é un equipo que en casa seguro que se crece moito. Xa teñen a  experiencia do ano pasado, que na súa cancha perderon equipos como Leyma Coruña, Movistar Estudantes ou Selecta”.

Asegura que “teñen unha forma de xogar na que son moi agresivos atrás, tentan castigar moitos os erros do rival e corren moito polo que temos que ter atención no un contra un”. 

Primeira previa de LEB Ouro tras moito tempo

O adestrador do COB, Guillermo Arenas, e o capitán, José Nogués, foron os encargados de analizar en Ourense  o que será o primeiro partido tras o regreso á segunda categoría do baloncesto estatal. Arenas mostrouse satisfeito co traballo do equipo. “Traballamos bastante ben e, de poñerlle algo malo a esta pretempada, é o non poder contar con todos os xogadores até levar xa unhas semanas de preparación”, explicou. 

En relación ao rival desta sexta feira, o adestrador ourensán afirmou que “o Gipuzkoa é un deses equipos que se construíu para estar e pelexar nos postos de arriba. Conseguiron formar, en todas as liñas, parellas con experiencia na liga ou mesmo en categorías superiores”.

Por este motivo alerta de que é “un equipo con moito potencial en todos os aspectos e debemos estar moi concentrados e facer as cousas ben nós”.

Comentarios