A Coruña, cidade de carreiras populares

C10, C21 e C42 son os nomes que reciben as tres principais carreiras populares que se organizan na Coruña cada ano. Desde 10 quilómetros até 42, a cidade herculina ofrece diferentes probas de distinta dificultade para as persoas amantes desta disciplina deportiva. O 23 de abril terá lugar a 
xa clásica C10.
Carreira popular C10 na Coruña.
photo_camera Carreira popular C10 na Coruña.

Decorría o ano 2006 cando A Coruña acolleu por primeira vez a súa xa clásica carreira popular C10. Desde aquel entón, millares de mulleres e homes de todas as idades levan participando nesta cita, coñecida como C10 pola súa distancia de 1o quilómetros, que xa prepara a XVII edición. Trátase da proba máis multitudinaria do trazado coruñés cun circuíto que está homologado polas federacións galega e estatal de Atletismo.

O Concello da Coruña, institución organizadora da proba, anunciou que o prazo de inscrición para a carreira que terá lugar o 23 de abril xa está aberto. E, sen dúbida, a convocatoria xa se podería cualificar como éxito, sendo que ao fechamento do primeiro prazo de inscrición, 2.367 corredores e corredoras formalizaron a súa participación na proba.

Desde o Concello sinalan que, como vén sendo habitual, "as e os menores tamén contarán coas súas probas. Nesta XVII Carreira Popular A Coruña10 poderán participar atletas, con inscrición gratuíta, desde a categoría 'peques' até sub-18. A carreira ten un perfil practicamente chairo e por asfalto na súa totalidade. A saída e a meta estará situada en Porta Real e a proba atravesará os Cantóns, Linares Rivas, a estrada do porto e o interior dos peiraos".

En canto aos premios económicos, apuntan que "as primeiras persoas clasificadas na carreira A Coruña10 obterán distintos premios económicos en función da categoría e a súa procedencia".

Haberá un total de 9.700 euros para os mellores corredores e corredoras. Ademais, aquelas persoas participantes que batan o récord da proba tanto na categoría masculina (28'09") como na feminina (31'40") obterán un premio de 2.000 euros, co que se duplica o premio económico da pasada edición.

Outras probas

Mais na Coruña non só se corre na carreira C10, a cidade herculina tamén organiza outras dúas probas para as persoas amantes desta disciplina do atletismo. No pasado mes de febreiro tivo lugar a proba C21, un medio maratón no cal participaron cerca de 3.00 persoas.

En outubro terá lugar a máis longa e dura carreira de todas, a C42, un maratón totalmente urbano que porá a proba as e os atletas máis valentes e con mellor preparación.

Comentarios