Cortegoso, García e Pérez, a por todas no Europeo de Taekwondo

O torneo comeza o 8 de abril na capital búlgara, Sofía
Sara Cortegoso e Iván García (esquerda e centro da imaxe) son dous dos tres representantes galegos no Europeo. (Foto: FGT)
photo_camera Sara Cortegoso e Iván García (esquerda e centro da imaxe) son dous dos tres representantes galegos no Europeo. (Foto: FGT)

As galegas Sara Cortegoso (Mace Sport, -46 quilogramos), Iván García (Mat´s, +87) e Alma Pérez (Suh Sport, -53) participarán no Europeo Sénior de Taekwondo, que se disputará desde o 8 de abril e até o vindeiro domingo 11 deste mes na localidade de Sofía (Bulgaria). 

Como non pode ser doutro modo no contexto actual, o torneo estará totalmente condicionado polas medidas anti Covid-19, obrigando a todas e todos os deportistas a realizar constantes probas PCR, así como a respectar un estrito protocolo de prevención.

A primeira en saír ao tapiz será Sara Cortegoso, que chega en boas condicións e con ganas de volver competir e render a un gran nivel, "xa que nos torneos anteriores non foi así". E é que tanto nos recentes Open de Sofía como de Turquía non lle saíron ben as cousas a Cortegoso, polo que está decidida a cambiar a dinámica nun europeo no que pretende ir "combate a combate", sen marcarse máis obxectivos que "medrar rival a rival.

Pola súa banda, Alma Pérez, que debutará na sexta feira, chega nun bo momento, "a pesar da falta de rodaxe que tivemos todas despois da pandemia e as poucas oportunidades de poder medirnos con outras competidoras". As rivais máis fortes nese peso defenden as bandeiras de Rusia e Turquía, mais Pérez só pensa en "facer un bo papel e gañar algún combate, aínda que se podo volver con medalla, pois moitísimo mellor".

E o último en competir será Iván García, que fechará o Europeo o domingo. Inmerso nun grande estado de forma, como recoñeceu nunha recente entrevista a Nós Diario, o taekwondoin marinense móstrase optimista: "O mellor está por chegar".

Comentarios