O coronavirus volta a afectar equipos de fútbol galegos

Dépor e Celta resultan afectados de modo indirecto.
Na primeira volta os celestes lograron a vitoria (2-0) nun partido soberbio de Iago Aspas e de Brais Méndez, que anotou os dous tantos olívicos. (Foto: RC Celta).
photo_camera O rival do Celta nesta xornada ten un caso positivo no seu cadro de xogadores (Foto: EP).

O coronavirus continúa pululando arredor do mundo do deporte, e por suposto o fútbol non escapa das súas consecuencias.

Así, na xornada de onte o Sevilla Fútbol Club, rival do Celta nun partido de Liga previsto para este sábado ás 18.30 horas, informou de que o seu dianteiro Carlos Fernández permanecía illado logo de dar positivo nunha proba PCR

En caso de que o resto dos futbolistas do conxunto hispalense dean negativo, o encontro desenvolverase con normalidade, mais o caso do atacante ex do Deportivo representa como ningún a incerteza na que está instalada a Liga de fútbol.

Precisamente o Dépor tamén se viu afectado polo coronavirus, pois o xogador do Fabril e habitual nos adestramentos do primeiro equipo, Adri Castro, permanece illado no seu domicilio non por dar positivo, senón por ser contacto estreito dunha persoa que si que padece a enfermidade. 

O segundo equipo da cidade herculina, o Silva, tamén informou de que un membro do cadro de xogadores deu positivo, e como na Terceira galega os recursos non son os das categorías superiores, tomaron a determinación de estabelecer unha "corentena deportiva" e suspender toda actividade do equipo durante un período de sete días.

Pasado ese tempo todos os futbolistas serán sometidos integramente a un test de antíxenos como paso previo ao reinicio da actividade.

A Terceira está sendo unha categoría especialmente afectada pola Covid-19, pois xa a pasada fin de semana un caso detectado no Arzúa obrigou a suspender na véspera do partido o Arzúa-Vista Alegre da quinta xornada ligueira.

Comentarios