mércores 14/04/21

O coronavirus rexorde con forza no fútbol galego

A situación sanitaria na Galiza en relación á pandemia da Covid-19 semella mellorar día a día, situación diametralmente oposta á que acontece no fútbol, onde logo de varias semanas sen ningún caso detectado apareceu un positivo no Lugo e un gromo en Ferrol que obrigou a adiar o partido Coruxo-Rácing.
A competición rematou temporalmente para os Diaños Verdes, que non volverán xogar até o fin da corentena na que se atopan. (Foto: Rácing de Ferrol).
A competición rematou temporalmente para os Diaños Verdes, que non volverán xogar até o fin da corentena na que se atopan. (Foto: Rácing de Ferrol).

O gromo de Covid-19 detectado no seo da disciplina do Rácing de Ferrol provocou o adiamento do partido que os Diaños Verdes tiñan previsto disputar mañá ás 12 horas no campo do Vao ante o Coruxo. A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) oficializou esta medida durante o día de onte a través dun comunicado no que indicou que o choque quedaba aprazado "a unha nova data que se determinará cando se acrediten todas as circunstancias que permitan disputalo".

O ente federativo confirmou, ademais, que o resto dos encontros da xornada terán lugar tal e como estaban previstos inicialmente, desoíndo así as voces que desde a Cidade Departamental -como a de Carlos Mouriz, director deportivo do Rácing- pedían o "aprazamento conxunto" da xornada 16 e antepenúltima no grupo 1-A da Segunda División B para que "ninguén poida sacar partido por non xogar nas mesmas condicións que o resto dos seus rivais".

A situación sanitaria na que está inmerso o Rácing de Ferrol pon en perigo, ademais, a disputa do seu choque da seguinte xornada -o domingo 14 de marco ante o Guixuelo-, e no mellor dos casos estarán obrigados a xogar os partidos que conforman o tramo decisivo da competición nun condensado sprint de tres encontros nunha soa semana.  

Duplo derbi galego

Os outros catro equipos galegos da Segunda B disputarán un duplo derbi que enfrontará o Compostela co Celta B (mañá ás 17 horas), e o Deportivo co Pontevedra (o domingo, 19 horas).

A escuadra capitalina e o filial celeste chegan a este compromiso nunha situación privilexiada na que o gañador podería consolidarse definitivamente nos postos de ascenso, escenario ben diferente ao de branquiazuis e granates, que terán por diante un derbi a vida ou morte no que, o perdedor, non só dirá adeus definitivamente a calquera aspiración de xogar o vindeiro ano na Segunda División, senón que deberá preocuparse de non facelo na Terceira.

Lugo, Fuenlabrada e Covid

Parece cousa de meigas, pero  apenas tres días antes do encontro que fecha a vixésimo oitava xornada ligueira ante o Fuenlabrada (segunda feira, 8 de marzo, ás 21 horas), a entidade albivermella anunciou a detección dun caso positivo en Covid-19 nun xogador do primeiro equipo, que se atopa "ben" e que permanece illado no seu domicilio. Ademais, o Club Deportivo Lugo confirmou que o resto do cadro técnico e futbolístico foi sometido a un cribado para atopar posíbeis novas infeccións.

Con todo, o encontro non parece correr perigo, polo que Luís César Sampedro volverá sentar no banco do Ángel Carro case catro anos despois. Sobre o terreo de xogo poderán estar, tamén, varios dos seus principais activos para tratar de continuar co legado de imbatibilidade en Lugo deixado polo seu predecesor, Mehdi Nafti, caso de El Hacen, Hugo Rama ou Arvin Appiah.

O Celta, a gañar fóra da casa tres meses despois

Se o punto feble do Lugo de Nafti -cousa que lle acabaría por custar a destitución- foron os partidos fóra da casa, o Chacho Coudet non presenta mellores cifras que o seu antigo homólogo na capital lucense, pois acumula xa tres meses sen coñecer a vitoria fóra de Balaídos, concretamente desde que asaltara o fortín de San Mamés (0-2) no xa afastado 4 de decembro de 2020.

O preparador arxentino terá unha oportunidade de ouro para pór fin a esta anomalía ante o fechacancelas da categoría, a SD Huesca -capital do fútbol galego na diáspora con catro futbolistas do país nas súas filas-, que chega a este choque aínda máis necesitado de puntos que os celestes.

comentarios