Coronavirus: racismo e parálise no deporte galego

A parálise é total. Pouco importa que a competición se dispute ao aire libre ou baixo teito; que sexa individual ou colectiva; profesional ou amateur. A crise provocada pola pandemia do coronavirus fixo que as palabras "cancelado" ou "adiado" estean vinculadas ao deporte como nunca antes. 

A centrocampista internacional leva defendendo as cores branquiazuis desde setembro de 2018. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A centrocampista internacional leva defendendo as cores branquiazuis desde setembro de 2018. (Foto: RC Deportivo).

Os cambios sempre son difíciles, e os de hábitos, máis aínda. Como dixo Charles Dickens: "O home é un animal de costumes". Non é fácil deixar de ir ao ximnasio, usar o transporte o público, baixar a un bar a tomar unhas cañas ou ir ao estadio a animar o equipo do noso corazón. Mais hai que facelo, non queda outra, por responsabilidade social. 

Dickens estaría de acordo en que a capacidade de adaptación a eses cambios é un dos aspectos que nos distingue das bestas, palabra que representa como poucas a aqueles que acosaron con comentarios racistas á xogadora xaponesa do Deportivo feminino, Maya Yamamoto.

A centrocampista branquiazul denunciou no seu Twitter que hai individuos que a están a chamar "coronavirus" pola rúa e túsenlle0 "intencionalmente". "Hai xente que pensa que é gracioso, pero é moi triste ver persoas que non teñen respecto polos demais e que non comprenden a dor dos seus sentimentos".

Inmediatamente, as respostas á publicación no seu perfil social enchéronse de mensaxes de apoio por parte de compañeiros como o turco Emre Çolak e cidadás anónimas, mais o mal xa estaba feito.

Vaga de competicións adiadas e canceladas

De  sobra coñecidas son as cancelacións da final da Copa do Rei, das dúas vindeiras xornadas da Liga, ou a situación de corentena na que se atopan equipos enteiros, como o Real Madrid.

Na Galiza a situación non é distinta a do resto do Estado español e, a estas alturas, practicamente tamén do conxunto do continente europeo.

A vaga de suspensións de eventos e actividades deportivas abrangue todos os deportes, independentemente de se son individuais ou colectivos, ao aire libre ou baixo teito, profesionais ou de afeccionados.

Desde o Goberno galego decretouse que "a celebración de toda a competición deportiva autonómica federada será, como mínimo, a porta pechada", unha medida que completou dicindo que "as organizacións poderán adoptar alternativamente o aprazamento ou a suspensión das competicións, unha decisión que aplaudimos desde a Xunta da Galiza".

Segundo apuntou o secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, "estas medidas teñen como obxectivo primordial minimizar os prexuízos e riscos de clubs, deportistas e espectadores", antes de engadir que "serán acompañadas por outras complementarias".

Así, no deporte do Atletismo son tres as competicións que foron adiadas: o Campionato da Galiza Sub 10, Sub 12 e Sub 14 en pista Cuberta; o Campionato da Galiza de 5 quilómetros en Ruta; e o Campionato da Galiza de Milla en Ruta; ao que habería que engadir a Gala do Atletismo, que tiña prevista desenvolverse o vindeiro día 3 de abril.

A Federación Galega de Baloncesto, pola súa banda, comunicou a suspensión da totalidade das súas competicións, "tanto de ámbito autonómico como zonal e independentemente da categoría", nunha medida que terá vixencia "en principio" até o 25 de marzo.

No mundo do balonmán son un pouco máis drásticos, e a orde de suspensión non contempla unha data para o arranque dos torneos dependentes da Federación Galega. Ademais, engaden a "recomendación" de que os clubes "suspendan os adestramentos de todas as categorías", un consello ao que se uniu, a nivel estatal, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) durante a xornada de onte.

A RFEF lembrou que a prioridade debe ser "a protección de futbolistas, adestradores, árbitros e persoal", e propuxo aos conxuntos "preparar plans de adestramentos individuais" para que "se atendan escrupulosamente ás pautas sanitarias e gobernativas" sobre o COVID-19.

Comentarios