A Copa Galiza de fútbol sala volve co Noia Portus Apostoli como favorito

O actual campión vistará Pazos de Borbén mentres que o Burela viaxará até a cancha do CD Lugo Sala.
Adestramento do Noia (Foto: Manuel Lorenzo/Noia PA FS).
photo_camera Adestramento do Noia. (Foto: Manuel Lorenzo / Noia PA FS)

Esta cuarta feira, co parón na liga por motivo da Copa de España, chega a Copa Galiza. O Noia Portus Apostoli FS defenderá o título na cancha do SD Pazos de Borbén FS, equipo da Terceira División (20.30 horas). Os outros encontros reunirán o Leis Pontevedra FS co Parrulo Ferrol FS (20 horas), o Outeiro de Rei SD coa SD Xove FS (20.00 horas) e o CD Lugo Sala co Pescados Rubén Burela (21 horas). 

O conxunto noiés chega a este partido con ganas de reivindicarse, despois da contundente derrota do pasado sábado en Murcia, que deixou especial mal sabor de boca  por como se produciu, ademais de coa ilusión que supón adentrarse nun torneo moi importante para o club e coa tarefa de repetir a conquista do curso anterior. A ilusión noiesa terá que baterse coa pacense. 

Pazos de Borbén leva varias semanas agardando a chegada deste encontro, coas entradas esgotadas para apoiar no Municipal o seu equipo, que ocupa a segunda praza na Terceira División con 43 puntos, coa misión de tentar superar todo un actual oitavo clasificado de Primeira.

Para chegar até aquí, os vermellos derrotaron o Carballiño FS (8-4), o Sala Ourense (5-3) e o Ganomagoga IES Coruxo FS (2-0).

O Lugo Sala co Burela

O Burela, pola súa parte, confía en facer un bo papel diante do CD Lugo Sala. En rolda de prensa, un dos seus xogadores, Bruno, reivindicaba esta terza feira "os resultados dos últimos encontros" cos nos que conseguiron puntuar "na Liga e na Copa".

En relación ao equipo, apuntaba que  "está máis unidos que nunca"  e máis nun partido contra un club "con moitos xogadores coñecidos". Con respecto ao partido desta cuarta feira, Bruno alerta de que "xogan na súa casa e son un equipo que está moi ben na liga" polo que será "un partido bonito".

Comentarios