A Copa da Galiza de Clubs retoma a súa andaina un ano despois

O Barco recibe a nova edición da proba atlética.
A armada celeste do Celta de Atletismo é favorita tanto na categoría masculina como na feminina. (Foto: RCCA).
photo_camera A armada celeste do Celta de Atletismo é favorita tanto na categoría masculina como na feminina. (Foto: RCCA).

O Barco de Valdeorras acollerá durante toda a vindeira fin de semana a edición trixésimo segunda da Copa da Galiza de Clubs Xunta da Galiza, logo de que o pasado ano 2020 as circunstancias sanitarias obrigaran á súa cancelación.

Con esta importante cita ábrense as competicións a nivel de clubs, que terán continuidade coas distintas fases e grupos das ligas estatais, que darán comezo o día 24 de abril.

No Barco, o público terá a oportunidade de ver en acción oito dos mellores equipos galegos en cada unha das categorías que conforman este encontro. Así, os catro primeiros da edición do ano pasado lograron a súa clasificación automática, decidíndose as restantes catro prazas por relación de resultados.

O Ría Ferrol, Celta, Ximnástica de Pontevedra e Escola Atlética Lucense son os clubs que máis posibilidades contan con estar nos postos de honra de podio na categoría feminina, sendo de novo a escuadra ferrolá -que milita na máxima categoría na liga estatal- quen defenda o título logrado na última edición co obxectivo de conquistar o que podería ser o seu décimo cuarto título de campioas da Galiza.

Porén, nunca cabe descartar unha sorpresa por parte dos outros conxuntos clasificados, que neste ano 2021 son ADAS Proinor, Ourense Atletismo, Club Atletismo Santiago e Lucus Caixa Rural.

Duelo de altura entre Celta e Ximnástica

Na categoría masculina haberá, de novo, unha previsibelmente interesante disputa entre a Ximnástica de Pontevedra e o Real Club Celta de Vigo. A condición de club militante na División de Honra estatal outórgalle certa ventaxe aos pontevedreses, que defendarán o último título logrado no ano 2019. Pola súa banda, os atletas celestes intentarán facer valer os seus cinco triunfos logrados nos últimos sete anos, que cos seus 13 títulos en total os sitúan á fronte da clasificación histórica.

Xunto a estes dous clubs, tamén Atletismo Santiago, Atletismo Narón, Lucus Caixa Rural, Atletismo Sada, Ourense Atletismo e Marineda Atlético loitarán por coarse nos postos importantes dunha competición que estará dedicada á memoria do desaparecido Luís Nogueira. A noticia do falecemento dun dos máis internacionais dos xavelinistas galegos coñeceuse hai apenas dúas semanas, e a Federación de Atletismo quixo aproveitar a Copa Galiza de Clubs para renderlle homenaxe.

Concurso de mascotas 

A Federación Galega de Atletismo tamén fixo público o seu desexo de contar cunha mascota oficial, tan populares noutros deportes como o fútbol ou o baloncesto.

Por iso, e co gallo do centenario do ente, vén de lanzar un concurso aberto aos e ás atletas da categoría Promoción -até 14 anos, incluídos- co obxectivo de que sexan quen deseñen a que será a nova mascota da Federación en competicións oficiais e actividades de promoción públicas.

As bases poden consultarse na web oficial do organismo que rexe o deporte do atletismo da Galiza, e estas sinalan que o prazo de envío de proxectos permanecerá aberto até o vindeiro día 1 de xuño e que entre todos os recibidos seleccionaranse un total de 25, que serán expostos nas distintas redes sociais federativas para que sexan os usuarios e usuarias, cos seus votos, as que escollan a que se converterá en nova mascota da Federación Galega de Atletismo.

Comentarios