OS RB PIDEN A "POSTA EN LIBERDADE" DOS SEUS COMPAñEIROS DETIDOS

O Consello de Administración do Dépor estuda medidas contra os riazor blues

A cúpula directiva do Deportivo podería actuar esta terza feira contra os riazor blues após os sucesos de Madrid. Barállase a hipótese da clausura de Maratón Inferior, a bancada que ocupan os hinchas branquiazuis. Por súa parte, os blues emitiron un comunicado para negar que houbese unha “quedada” co Frente Atlético e para demandar a “pronta posta en liberdade” dos seus compañeiros detidos.

blues
photo_camera blues

O Consello de Administración do Deportivo quere oferecer a imaxe de que non tolera os comportamentos violentos e seguir así os pasos de Barcelona e Real Madrid na súa política contra os grupos organizados de seareiros que se ven envoltos en batallas campais. O Barcelona, xa hai anos, con Laporta, expulsou os boixos nois do Camp Nou. Moito máis recentemente, Florentino Pérez, o presidente do Madrid, comezou unha campaña sen precedentes no Bernabéu contra os ultra sur.

Segundo afirma La Voz de Galicia, non existe consenso no seo do Consello de Administración do Deportivo sobre que medidas concretas adoptar contra os blues. Abalan desde a clausura de Maratón Inferior até a expulsión como socios das persoas que se demostre policialmente que estiveron implicadas nos sucesos que resultaron na morte violenta de Jimmy. Algúns conselleiros entenden que sería abondo con retirar os emblemas e bandeiras identificativos dos blues.

Non existe consenso no seo do Consello de Administración do Deportivo sobre que medidas concretas adoptar contra os blues

De se adoptar a clausura de Maratón Inferior, os blues serían reubicados noutras zonas do estadio.

Comunicado

Segunda feira á noite, os blues emitiron un breve comunicado. Nel trasladan o pésame “a todos os familiares e amigos do noso irmán Jimmy”, reiteran que non concertaran encontro ningún co Frente Atlético e piden a “pronta posta en liberdade” dos blues detidos.

Comentarios