O Consello de Administración do Dépor cobrará 252.000 euros anuais a pesar do aumento da débeda

A xunta de accionistas desenvolvida na xornada de hoxe tamén aprobou a designación de KPMG como novo auditor do club, a mesma firma encargada de revisar as contas de Abanca, máxima accionista do conxunto coruñés desde o pasado verán.
Couceiro (centro) é o presidente do Deportivo desde marzo pasado. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Couceiro (centro) é o presidente do Deportivo desde marzo pasado. (Foto: RC Deportivo).

O Real Club Deportivo da Coruña desenvolveu no día de hoxe a súa primeira xunta de accionistas telemática en 115 anos de historia, na que o 99% de votos favorábeis aos 12 puntos do día deixaron patente o control total que sobre a entidade branquiazul exerce Abanca, máximo accionista desde o pasado verán.

Tanto é así que tan só houbo 257 votos en contra por 593.786 favorábeis a que os cinco membros que conforman o Consello de Administración deportivista, Antonio Couceiro, Eduardo Blanco, David Villasuso, Emma Lustres e Carles Cantó, se repartan anualmente 252.000 euros, a pesar de que durante o último exercicio a escuadra herculina agrandou en nove millóns a millonaria débeda que arrastra desde hai tres lustros.

O presidente do Deportivo e ex conselleiro da Xunta con Manuel Fraga, Antonio Couceiro, xustificou esta polémica medida sinalando que está "por debaixo dos estándares de mercado" e no concepto da "profesionalización" dun club que ocupa a décimo segunda posición na clasificación histórica da Primeira División, foi campión de Liga no ano 2000 e semifinalista da Liga de Campións en 2004.

Tampouco parece ser óbice para o reparto desa cantidade entre a directiva a posibilidade, moi real, de que o equipo non consiga clasificarse para a nova Primeira RFEF e descenda á cuarta categoría do fútbol estatal, descadrando aínda máis unha relación entre ingresos e gasto que lles obrigará, segundo informou Couceiro, a ceder a explotación da DeporClínica a unha empresa externa, unha solución que tamén baralla para as tres tendas propiedade do club, que perderon 200.000 euros durante o último ano.

Ademais, a xunta de accionistas tamén aprobou maioritariamente a designación de KPMG como novo auditor do club, en substitución de Auren.

Este movemento encaixa na lóxica da integración con Abanca, pois a firma anglo-neerlandesa é a empresa encargada de revisar as contas da entidade financeira.

Finalmente, e no eido estritamente futbolístico, Couceiro manifestou a "necesidade" de volver canto antes ás categorías profesionais, así como a súa confianza na continuidade de Rubén de la Barrera, mesmo se o equipo baixa á nova Segunda Federación.

Comentarios