O Congreso aproba a nova Lei do Deporte por unha ampla maioría e abre timidamente a porta ás seleccións galegas

A norma abre a porta ás seleccións territoriais.
Selección galega de fútbol gaélico. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Selección galega de fútbol gaélico. (Foto: Nós Diario)

O pleno do Congreso dos Deputados aprobou onte o proxecto da nova Lei do Deporte, que ten como obxectivo actualizar e adaptar o marco xurídico actual á nova realidade deportiva que existe no Estado español, pois a anterior norma databa de 1990.

Despois do seu paso polo Senado o texto recibiu o apoio da maioría dos deputados e deputadas, que co seu voto deron luz verde ao articulado final, que entrará en vigor nas próximas semanas unha vez que se publique no Boletín Oficial do Estado.

"A igualdade, a inclusión, o respecto ao medio ambiente, a transparencia das organizacións e o xogo limpo" son os principios de ordenación desta lei, segundo sinalan desde o organismo que a impulsou, o Ministerio de Cultura e Deporte a través do Consello Superior de Deportes (CSD).

Unha das grandes novidades da norma é o recoñecemento da práctica deportiva como "dereito" e a súa consideración como "actividade esencial". Ademais, o Goberno e as Administracións públicas deberán pór en marcha plans e políticas orientadas ao fomento da práctica deportiva.

Respecto aos cambios nas obrigacións das entidades deportivas, a nova Lei elimina a obrigación de transformación en Sociedade Anónima deportiva para participar en competicións profesionais, e opta por un modelo libre. A maiores, desaparece a obrigatoriedade do aval bancario de 15% do orzamento de gasto.

Porén, a novidade máis importante vén dunha emenda do PNV, apoiada e gabada polo BNG en declaracións a Nós Diario, que abre, aínda que timidamente, a participación das seleccións territoriais como a galega, a catalá ou a vasca en competicións oficiais e internacionais sempre que non exista unha federación española da modalidade, a territorial sexa anterior ou ese deporte teña "raizame histórico".

Comentarios