O Concello de Vigo acusa Louzán de "antiviguismo" pola sede do Mundial

Esixen á Federación Española que "tome medidas".
O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. (Foto: RFGF)
photo_camera O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. (Foto: RFGF)

A escolla das sedes da Copa do Mundo de 2030 -que organizarán conxuntamente o Estado español, o portugués e o marroquí- abriu un cisma entre o Concello de Vigo e a Real Federación Galega de Fútbol, e máis concretamente co seu presidente, Rafael Louzán. 

O tenente de alcalde e concelleiro delegado do área de Fomento e Servicios da cidade olívica, Javier Pardo, esixiu esta segunda feira á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) que "tome medidas" contra Louzán para "poder garantir a imparcialidade dos órganos que tomarán a decisión das sedes".

A razón son unhas declaracións pronunciadas na Coruña polo máximo mandatario da territorial galega, que tamén forma parte da Comisión de Organización do Mundial 2030, entidade que en última instancia decidirá que estadios conforman a relación final de candidatos que se presentará ante a FIFA para a súa aprobación.

Na cidade herculina, Rafael Louzán confirmou que Riazor si que será unha desas sedes, mentres que Balaídos "ten posibilidades de incorporarse", mais dependendo de se son capaces de negociar unha ampliación do número de sedes que tamén beneficiaría Mestalla, en Valencia.

"Como é posíbel que fale de puntuacións de sedes -após indicar que só unha "pequena diferencia" deixaría fóra o coliseo celeste- cando aínda non son públicas e a Vigo non se lle comunicou oficialmente nada? Rafael Louzán -ex presidente da Deputación Provincial de Pontevedra representado as cores do Partido Popular- está deixándose levar polo seu antiviguismo", afirmou Pardo.

"O presidente da Federación Galega vai a Riazor a dicir que Balaídos ficará fóra do Mundial, e iso é algo de extrema gravidade, é unha actitude intolerábel, e esta cidade non lle tolera ese insulto, esiximos respecto", engadiu.

Comentarios