O concello da Baña entra esta fin de semana no circuíto galego de dúatlon

A Federación Galega de Tríatlon continúa a promoción deste deporte. Este domingo o municipio da Barcala acolle a súa primeira proba de dúatlon. 
Campionato Galego de Dúatlon Estrada en Pontevedra, en2022 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Campionato Galego de Dúatlon Estrada en Pontevedra, en2022 (Foto: Nós Diario).

O municipio da Baña (comarca da Barcala) acollerá este domingo, por primeira vez, unha das catro probas clasificatorias para o Campionato galego de dúatlon. Este deporte, con moita tradición na Galiza, espállase cada vez máis polo territorio coa ollada posta na promoción turística e na dinamización do rural.

No caso da proba que terá lugar esta fin de semana, ten especial importancia o seu carácter solidario e a introdución de percorridos adaptados para todo tipo de participantes. A iniciativa naceu a partir dunha proposta do Club Tríatlon Negreira que foi recollida pola Federación Galega de Tríatlon (Fegatri) e o propio Concello.

A recadación íntegra das inscricións, un total de 308, destinarase á investigación das GRINpatías e no aspecto deportivo, ademais da carreira absoluta, haberá outra para menores e unha proba supersprint aberta á participación popular. 

A técnica deportiva e secretaria de Fegatri, Mónica Flores, explica a Nós Diario que a idea de “realizar unha xornada que reúna desde as categorías base até a elite é un legado que beneficia ao municipio e difunde este deporte, máis neste caso que nunca tivo a posibilidade que agora ten”. 

Competición e promoción 

Alén da Baña, outros municipios acolleron con anterioridade probas de dúatlon nas que se fai fincapé na promoción da base. Un exemplo foi Vimianzo (Terra de Soneira), “un concello que viña do dúatlon cross e comezou este ano co dúatlon estrada”, asegura a responsábel federativa.

Alén da Baña, outros municipios acolleron con anterioridade probas de dúatlon

Entre os que levan máis tempo está o de Santiago, que esta pasada fin de semana fixo vinte anos. A cita na capital galega congregou máis de 600 deportistas e contou, tamén, co XXIII Dúatlon Escolar Cidade de Santiago

A competición oficial na Baña contará coa estrutura habitual desta modalidade, cunha saída en carreira a pé, seguida doutra en bicicleta para rematar outra vez correndo. Porén, tamén adaptarán algunhas probas segundo as categorías “no caso dos menores e das promesas”.

Fechadas as inscricións esta pasada terza feira, desde a federación recoñecen que a coincidencia do evento galego co Campionato de España de Dúatlon que decorrerá esta fin de semana en Soria (Castela e León), restou participación. "Temos moito nivel e desprazaranse moitas e moitos”, admite Flores. 

A Galiza, na elite

Desde Fegatri cren que na actualidade a Galiza está a ter moi bo nivel neste deporte. Proba disto á a presenza de clubs galegos na liga de dúatlon. “Temos o Tríatlon Inforhouse de Santiago, o Cidade de Lugo Fluvial e o Tríatlon Ferrol, na Primeira División Masculina, ademais do Náutico de Narón, o Cidade de Lugo Fluvial e o Tríatlon Inforhouse de Santiago, na Primeira División Feminina”, indica Flores. 

Como nomes a destacar, a federación galega lembra o recente campión de España desta modalidade, Celestino Fernández (Cidade de Lugo Fluvial), e a convocatoria de Iván Puentes (Tríatlon Ferrol, recente subcampión da Copa da Raíña) para estar presente no Mundial Sub-23. Ademais, outro club, o Tríatlon Poio, conta, a nivel individual, coas boas actuacións do deportista Gustavo Santiago.

O cambio climático mudou as probas  

A práctica do dúatlon na Galiza mudou cos anos. “Sempre foi a modalidade principal do tríatlon polas condicións climatolóxicas que impedían que se fixeran probas de natación até o mes de xullo”, sinala Flores.

A situación foi evolucionando e “co cambio climático agora fanse probas de tríatlon desde principios de maio, como este ano, que comezaremos coa contrarreloxo de Vilagarcía”, recoñece a Nós Diario a responsábel federativa.

Comentarios