Compromisos de altura para Obradoiro, Breogán e Ensino

Os lucenses visitan Baskonia co 'play-off' en xogo
O campión do mundo e da NBA Marc Gasol xoga mañá ante o Leyma. (Foto: Bàsquet Girona).
photo_camera O campión do mundo e da NBA Marc Gasol xoga mañá ante o Leyma. (Foto: Bàsquet Girona).

O mellor do baloncesto de alto nivel regresa hoxe á Galiza da man dun Monbus Obradoiro que tratará de repetir ante o Unicaja (Multiusos Fontes do Sar, 20.45 horas) a fazaña conseguida a semana pasada ante un gran equipo como Bitci Baskonia e continuar así a súa pelexa por asegurar a permanencia un ano máis na máxima categoría.

Igualados con oito vitorias na zona media da clasificación, de superar os andaluces a escuadra capitalina distanciaríase dos seus máis inmediatos perseguidores -Casademont Zaragoza, Hereda San Pablo Burgos, MoraBanc Andorra, Urbas Fuenlabrada e Coosur Real Betis-, situados a tan só un triunfo de distancia con excepción do conxunto heliopolitano, que está a dúas.

Desde máis arriba contempla esa pelexa o Breogán. Noveno con 11 vitorias, en Lugo non descartan nada e soñan con lograr clasificarse para un play-off que lles daría a posibilidade de loitar polo título ligueiro por primeira vez na súa historia. Precisamente o devandito Baskonia comparte ese mesmo obxectivo, polo que o duelo de mañá ás 20 horas en Euskadi podería ser determinante para o bo devir de ambos os clubs.

Finalmente, na Liga Endesa feminina o Baxi Ferrol descansa, polo que a única formación do país en entrar en acción será Durán Maquinaria Ensino, mañá ás 12.15 contra Casademont Zaragoza no pavillón Principe Filipe.

Marc Gasol, na Coruña

A finais de novembro do pasado ano 2021 o catalán Marc Gasol, campión da NBA, dúas veces All-Star, outras tantas campión do mundo, de Europa e duplo medallista olímpico revolucionaba o mundo do baloncesto anunciando que cambiaba a mellor liga do mundo -onde defendeu as cores de Grizzlies, Raptors ou Lakers- polo Bàsquet Girona de LEB Ouro, a segunda división do baloncesto a nivel estatal.

Fundador da entidade no ano 2014, o irmán do non menos lendario Pau Gasol compatibiliza o seu traballo na pista co cargo de presidente, e o calendario deparou que visite a pista do único equipo galego na categoría, Leyma Básquet Coruña, mañá ás 17 horas.  

No Pazo de Riazor está previsto que se replique un fenómeno que se está producindo en todos os pavillóns que visita o Girona, pois a afección do baloncesto acode en masa a ver en primeira persoa un home que é historia viva do deporte da canastra.

Comentarios