Compostela torna na capital estatal da loita olímpica e grecorromana

Santa Isabel acolle o Campionato de España de loita feminina, loita libre e loita grecorromana
José Cuba aspira a estar nuns Xogos Olímpicos con 40 anos de idade (Foto: Fegaloita).
photo_camera O torneo desenvolverase no Pavillón de Santa Isabel (Foto: Fegaloita).

Compostela torna esta fin de semana na capital estatal da loita olímpica ao acoller os campionatos de España das tres modalidades olímpicas: loita feminina, loita libre e loita grecorromana.

O torneo desenvolverase no Pavillón Municipal de Santa Isabel en tres xornadas diferenciadas, co obxectivo de manter separados e separadas ás deportistas. Así, en primeiro lugar, disputarase o Campionato de España Escolar/Sub-15 (de 10 a 14 horas).

Pola tarde, será a quenda dos Cadetes/Sub-17 (de 16 a 20 horas); e, finalmente, o domingo en xornada de mañá (de 10 a 14 horas) levarase a cabo o Estatal da categoría Sub-23.

Organizadas pola Federación Galega de Loita en colaboración coa súa homóloga española, o Club de Loita Stellae, o Concello de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta da Galiza, esta cadea de probas contará coa presenza dun total de 512 deportistas procedentes de todos os recunchos do Estado.

Xa que logo, e como salientan desde a organización, "a seguridade e os protocolos anti Covid-19 rexerán as competicións, estabelecendo un marco único de seguridade para todas as participantes.

Así, á obrigatoriedade de facer os tests de antíxenos naseo-farínxeos previos á competición engádense tests aleatorios a desenvolver no hotel onde estarán aloxados todos os equipos e onde se formará unha burbulla de seguridade que representa unha gran novidade neste tipo de eventos".

Ademais, destacan que "o sentido común" e o protocolo levan a que "non teñamos público no pavillón", mais lembran que a través da plataforma da Federación Española poderá seguirse o conxunto dun torneo do que os seleccionadores estarán moi pendentes para confeccionar os diferentes combinados de cara ás vindeiras citas internacionais.

Comentarios