mércores 20/10/21

Compostela acollerá en novembro un congreso mundial de fútbol

Participarán figuras internacionais deste deporte como Manuel Pellegrini, técnico do Real Betis Balompé ou Diego Martínez, ex adestrador do Granada CF.
O técnico galego Diego Martínez estará en Compostela (Granada CF).
O técnico galego Diego Martínez estará en Compostela (Foto: Granada CF).

A cidade de Compostela concentrará a atención deportiva os vindeiros días 12 e 13 de novembro coa realización do congreso internacional “O camiño do fútbol”, organizado pola Real Federación  Galega de Fútbol (RFGF) e a Real Federación Española de Fútbol (RFEF). A cita será no Pazo de Congresos e Exposicións da Galiza e reunirá, entre outros, profesionais do adestramento, arbitraxe, dirección deportiva, preparación física e psicoloxía deportiva.

Tres dos vinte participantes que confirmaron a súa presenza son Manuel Pellegrini, técnico do Real Betis Balompé e  ex adestrador do Manchester City e Real Madrid; Diego Martínez,  ex adestrador do Granada CF; ou Aitor Karanka, ex adestrador do Birmingham City e ex técnico axudante de José Mourinho no Real Madrid. 

Temas de interese para profesionais e afección

Manuel  Pellegrini desembarcará na capital galega acompañado por parte do seu corpo técnico no Real Betis, entre eles o preparador físico galego Félix Cao, para explicar a rutina de traballo do club andaluz e a coordinación entre a parcela técnica e os preparadores físicos.

O técnico galego Diego Martínez aterrará en Santiago de Compostela para transmitir a súa maneira de ver e entender o fútbol a través do seu relatorio “Ser, sentir, equipo”.

O vasco Aitor Karanka, pola súa banda, subirá ao escenario do Pazo de Congresos para debullar todas as reviravoltas do observador técnico de UEFA

As xornadas, segundo explica a organización nun comunicado, “serán de gran interese para todas as persoas que gozan vendo este deporte, para a afección e para o sector profesional e formativo xa que poderán vivir toda a experiencia do fútbol nun só momento”.

Explican, ademais, que “supoñen unha excelente oportunidade para que todas as e os profesionais  que exercen o seu traballo de adestrar no ámbito nacional e mundial con licenza UEFA realicen a  revaliación obrigatoria da súa licenza nunha cita presencial que non se celebra desde 2018”. 

Este congreso internacional sobre fútbol poderase seguir en dúas modalidades: unha presencial, con capacidade limitada no recinto polas medidas de restrición relacionadas coa pandemia, e outra en liña vía streaming.

comentarios