DEPORTES

Compos e Fabril achéganse a un ascenso que tamén é posíbel para o Celta B

Compos e Fabril achéganse a un ascenso que tamén é posíbel para o Celta B

A ida como locais da eliminatoria decisiva para o ascenso a Segunda B deixou ao Compostela moi preto do éxito (2-0), ao Fabril con boa vantaxe (4-2) e con máis problemas para o filial do Celta (0-0), que aínda así mantén opcións. 

compos
photo_camera compos


O pleno de ascensos galegos a Segunda B aínda é posíbel e mesmo probábel após a disputa do partido de ida da eliminatoria final do play-off que busca aos conxuntos do país que acompañen ao Racing de Ferrol na suba de categoría. Os tres en liza contan con claras opcións, posto que nesta fin de semana o Compos gañou 2-0, o Fabril 4-2 e o Celta B empatou a cero, todos eles como locais .

O primeiro en disputar o seu partido foi o Compostela, que o sábado obtivo un magnífico resultado ante o Cieza en San Lázaro. Os santiagueses foron moi superiores durante todo o encontro, demostrando máis unha vez a súa fortaleza como local, xa que en toda a promoción de ascenso nin sequera recibiron un tanto en contra no seu estadio, que rexistrou unha asistencia de algo máis de 4.000 persoas. Aos dous minutos de comezar a segunda metade, Manu puxo por diante ao Compos, que ampliou a renda no 85, por medio de Yahvé.

O pleno de ascensos galegos a Segunda B aínda é posíbel e mesmo probábel

Milleiros de persoas acompañaron tamén ao filial do Dépor en Riazor, estadio que pisaban por vez primeira nesta campaña, feito que encheu de ánimo a saída dos xogadores branquiazuis, que xa contaban cun dous a cero ao seu favor en só seis minutos. Os erros defensivos cederon o empate para os andaluces de El Palo, que malia os dous tantos acadados xogarán a volta en inferioridade na eliminatoria logo de que o burelán Luís completase un hat-trick no 3-2 e Lemos asinase o 4-2 definitivo.

Pola súa parte, o Celta B foi o que peor resultado sacou dos tres equipos galegos, se ben o seu empate sen goles en casa fronte a un histórico como o Arenas de Getxo deixa moi aberta a eliminatoria e con grandes opcións para os vigueses se son capaces de marcar na volta ante un equipo moi defensivo mais que no encontro decisivo terá que abrir liñas.

comentarios