Compos e Celta ascenden á Segunda B, que non puido ser alcanzada polo Fabril

Os vigueses acadaron un meritorio 2-2 en Getxo e os santiagueses un brillante 0-2 en Cieza, polo que se unen a Racing, Ourense e Coruxo na división de bronce. O filial do Dépor sucumbiu á presión violenta de El Palo.

Celta B
photo_camera Celta B


Compostela e Celta acompañarán ao ascendido Racing de Ferrol a Ourense e Coruxo na Segunda División B, após superaren a eliminatoria decisiva esta fin de semana, en ambos casos a domicilio. O que non puido sumarse ao éxito foi o Fabril, que caeu en terras andaluzas.

O primeiro en ascender foi o Celta, xusto quen obtivera o peor resultado dos tres na ida. Pero o empate a cero voltou a ser o mellor dos malos resultados e os vigueses retornaron á Segunda grazas a outra igualada, mais neste caso a dous tantos, polo que resultou decisivo o valor dobre en campo contrario. En pouco máis de vinte minutos xa quedou claro que os celestes estaban moito máis acertados que hai unha semana, posto que Madinda e Santi Mina adiantaron ao seu equipo cun 0-2. Reaxiu o Arenas de Getxo, que por medio de Imanol  e Asier conseguiu o empate e, en medio dunha grande tensión, intentou marcar o gol que lle permitise subir de categoría, que nunca chegou para felicidade celtista.

Minúsculo e hostil El Palo

Non foi feliz, senón todo o contrario o Fabril, que quedou sen ascenso após perder 2-0 no minúsculo e hostil campo de El Palo, onde os rapaces de Devesa non foron capaces de superar a presión local -nin sequera cando xogaron cun home máis- e cun tanto nos últimos minutos caeron derrotados por un resultado que neutralizaba o 4-2 de Riazor e pechaba así con outra má nova un ano terríbel para o club branquiazul.

Xa en domingo, o Compostela tamén culminou unha magnífica tempada e -malia a baixa de última hora de Catú- acadou o retorno ás categorías estatais tras manter a vantaxe do dous a cero da ida e renovala co mesmo resultado ante o Cieza, nun brillante encontro no que os xogadores que dirixe Fredi amosaron unha grande madurez e que finalizou co festexo tanto do plantel como do cento de afeccionados galegos alí desprazados. Jordán anotou o primeiro e Marcos Súarez, que fixo diana en todas as eliminatorias, o segundo.

Comentarios