DEPORTES

Compos, Celta B e Fabril, a superar a domicilio o último chanzo cara á Segunda B

Compos, Celta B e Fabril, a superar a domicilio o último chanzo cara á Segunda B

As tres equipas galegas disputan esta fin de semana o partido decisivo para o ascenso á división de bronce estatal. O Deportivo pediu protección policial antes as ameazas que recibe dende Málaga, que non impiden que Fernando Vázquez acompañe ao equipo.

Segunda B
photo_camera Segunda B


Péchase o curso futbolístico galego e espera facelo cun enorme suceso, posto que os catro conxuntos da Terceira que disputaron a fase de ascenso a Segunda B poderían facer pleno logo de que o Racing de Ferrol xa subise hai un mes e á espera dos partidos que teñen que disputar esta fin de semana Compostela, Fabril e Celta B, todos eles a domicilio.

Abrirán a xornada final os vigueses o sábado (17.00) en Getxo, ante o conxunto local. O Celta B é quen conta -en teoría- cun peor resultado da ida, xa que non pasou do empate a cero. Porén, a eliminatoria daría un xiro ao seu favor de ser capaz de anotar un gol, xa que contaría co valor duplo en campo contrario. O Getxo destaca polo seu poderío aéreo, polo que o partido será unha proba de madurez para a defensa celeste.

Ese mesmo día, o outro filial -o do Dépor- defenderá a partir das 20.00 a renda de dous tantos que obtivo na ida (4-2) fronte a El Palo malagueño. O encontro vén marcado polos excesos de agresividade dos andaluces no primeiro partido e as ameazas que recibiron os coruñeses -dende o rival até solicitaron o apoio dos seareiros ultras do Málaga- para a volta, que terá lugar nun campo moi pequeno. Por estes motivos, o Deportivo pediu protección policial. Quen parece non temer eses avisos é o adestrador do primeiro plantel, Fernando Vázquez, que xa anunciou que acompañará na cita aos fabrilistas, que poderán contar co seu goleador Luís logo de que o Comité lle retirase o cartón que recibiu na ida.

Por último, o domingo será o Compostela o que visite ao Cieza (19.00). En teoría, os xogadores que adestra Fredi son os que máis preto teñen o ascenso despois do 2-0 obtido en San Lázaro, resultado que puido ser moito maior. Distintos locais da capital preparan festas para presenciar o encontro e, a ser posíbel, festexar o retorno do Compos ás categorías estatais.


 

.

comentarios