Comeza a liga de bolos de Dodro con récord de equipos

O verán é época de bolos. En Dodro comezaron a súa liga e no lugar de Anguieiros, na parroquia quiroguesa de Montefurado, celebrarán os dez anos de recuperación deste xogo tradicional.
Equipos participantes na primeira xornada en Dodro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Equipos participantes na primeira xornada en Dodro (Foto: Nós Diario).

Dodro acolle desde o pasado 17 de xullo a súa liga de Bolos. O inicio desta competición coincidiu coas festas do Carme e foi no campo de bolos de Bexo. 'Triñáns' foi o equipo campión nesta primeira proba seguido de 'Bolos Boiro' e 'Roxos de Segunda' na terceira posición.

Esta terceira edición ten a participación máis alta de todas con trece equipos en xogo. A liga continuará no campo de bolos do Bosque (21 de agosto), nas pistas polideportivas de Lestrobe (28 de agosto) e rematará o 25 de setembro no campo do Montiño de Manselle, facéndoas coincidir todos os eventos coas festas locais de cada aldea.

A colaboración municipal permitiu que se habilitaran dous campos de xogo no Bosque e en Lestrobe aos xa existentes de Manselle e Bexo. Ademais, a Concellaría de Deportes marcou como liña deportiva fomentar os xogos tradicionais dando a  coñecer tamén este xogo entre as nenas e os nenos nas escolas deportivas e no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.

X Campionato de Bolos en Anguieiros, Quiroga 

Tamén sobre este deporte tradicional, o vindeiro 24 de xullo o lugar de Anguieiros na parroquia de Montefurado (Quiroga) acollerá o X Campionato de Bolos Celtas. A Asociación Sociocultural Boca do Monte recuperou este xogo coincidindo coa festa da Madalena no mes de xullo despois de moitos anos que se deixara de facer. Ao mesmo tempo recobrou o propio xogo, moi popular na zona e do que se conservaban campos de bolos na maior parte das aldeas.

O primeiro campionato organizouse en 2012 e as normas do xogo foron redactadas a partir de falar coa xente maior do lugar. Este primeiro campionato tivo grande éxito e contou, xa daquela, con agasallos aos 3 primeiros clasificados nunha competición mixta.

O primeiro premio era un xamón e despois outros galanos froito da doazón por parte de empresas colaboradoras, sempre relacionados coa artesanía e produtos autóctonos. 

“No ano 2016 decidimos facer unha modificación”, explican a Nós Diario desde a asociación, “seguiu sendo unha competición mixta mais creamos dúas liñas de premios. As tres primeiras mulleres clasificadas e os 3 primeiros homes clasificados terían premio. Foi unha forma de incentivar a participación feminina”.

Este ano repetiran torneo no lugar habitual: o "portalón", na porta de entrada á aldea.

Comentarios