A columbofilia segue voando na Galiza

As probas de pombas mensaxeiras teñen moito de paixón. Non é un deporte coñecido agás en casos como a recente perda de milleiros de animais que remataron a súa viaxe na Galiza cando a súa meta estaba no Porto. Nós Diario quixo saber algo máis desta práctica da man do presidente da súa federación.

Gonzalo Liñares, presidente da Federación Columbófila Galega, nun pombal situado nunha parroquia de Compostela (Riobó Prada).
photo_camera Gonzalo Liñares, presidente da Federación Columbófila Galega, nun pombal situado nunha parroquia de Compostela (Riobó Prada).

A columbofilia leva anos entre nós. Este deporte, pouco coñecido a nivel xeral no país, trouxo a competición das pombas mensaxeiras até a Galiza a finais dos anos 40 cando se funda o primeiro club en Vigo. Moito mudaron os tempos e tamén a maneira de competir. 

O presidente da Federación de Columbofilia Galega, Gonzalo Liñares, explica a Nós Diario que agora as probas "son máis exixentes". Daquela esta práctica deportiva "baseábase en pombas criadas na casa, transferíanse os xenes dunhas a outras" e na actualidade, conta, hai poxas de animais que poden chegar a prezos enormes, como a pomba que se vendeu en Bélxica por 1.600.000 euros".

Tamén mudou o seu propio coidado. "Antes tiñamos que facer nós a comida e hoxe en día hai alimentos especiais para os animais segundo sexa tempo de muda ou de competición", asegura. 

Comezar desde o adestramento

O que non cambiou foi o sistema que teñen as persoas que practican a columbofilia. "Tes que adestrar pombas mensaxeiras nun pombal e cando saben cal é a súa casa comezan a competir", relata Liñares desde o lugar onde ten as súas, nunha parroquia de Compostela.

"Despois é cuestión de meterlles quilómetros, por exemplo comezando por 10 e pasando logo até 30 e subindo os que se precisen para completar as diferentes competicións", sinala este columbófilo. 

A proba máis importante que organiza a federación galega é a que comeza na localidade catalá de Lloret de Mar e na que as pombas teñen que percorrer case 950 quilómetros de distancia até Compostela.

Estes animais, que poden pesar 500 gramos, chegan a realizar en moitas ocasións ese camiño nunha soa xornada e sen descansar. "Houbo anos en que algunhas saíron ás 7 da mañá e ás 22 horas xa estaban no pombal", precisa Liñares, "son atletas fóra do común", engade. 

Toda unha paixón

Lonxe dos grandes eventos que teñen outros deportes, a columbofilia é unha práctica que se realiza aproveitando o tempo de lecer que teñen as algo máis de 300 persoas que na actualidade están federadas. "Ten algo de rutina por darlle de comer a unha determinada hora para que se habitúen a estar adestrando na casa", asegura o presidente da federación.

Ao longo do ano hai diferentes probas a partir do mes de marzo. "Son sempre progresivas, partindo de 140 quilómetros e até a distancia que decida a asemblea cada ano", indica. Nas competicións contan con dous camións adaptados por zona (Compostela-A Coruña-, Pontedeume-Ferrol e Pontevedra-O Salnés, Vigo-O Porriño) que as soltan nun mesmo punto para que volvan ao seu pombal.

Os animais levan un microchip nas patas que identifica cada pomba e na chegada hai un reloxo que detecta cal é e rexistra a súa chegada.

Negro futuro polo cambio climático

O pasado mes de xuño, un incidente en Portugal deu a voz de alarma dunha situación que pode producirse máis veces e que afecta directamente a este deporte. Na competición que se realizaba entre Algarve e Porto, na que participaban ao redor de 10.000 exemplares, case un 30% non chegaron ao seu destino.

Após o chamamento realizado por autoridades e a propia organización, moitas foron rescatadas na Galiza e algunha en Asturies grazas á argola de cor que levan en cada pata.

"Voaron con temperaturas altas e foron buscando o fresco do mar. Cando se deron conta pasaron os seus pombais e foron dar á Coruña, Pontevedra e outros moitos lugares", afirma Liñares. Membros da federación acudiron á chamada e conseguiron voltar algunhas das pombas a Portugal. 

Para a Federación esta situación é un aviso do que afecta o cambio climático a este deporte. "Dependemos moito da climatoloxía", admite o seu presidente. Cando fan probas accesíbeis desde Valencia ou Cartaxena teñen en conta as temperaturas e nunca as realizan cando se superan os 30 °C.

"Ningún atleta aguanta estas temperaturas e tampouco os animais", asegura o presidente, "nós contamos con delegados de solta e revisa as incidencias climatolóxicas ademais de estar en contacto cos meteorólogos".

As competicións continúan e esta pasada terza feira mesmo realizaron unha solta internacional desde Sevilla con participantes de Bélxica, unha das potencias europeas neste deporte, Holanda, Alemaña, Portugal, Galiza e do resto do Estado español. As primeiras pombas realizaron os 654 quilómetros chegando onte a partir das 9 horas ao columbódromo Rías Baixas.

Comentarios