O COB xogará a vindeira tempada na ACB

O Consello Superior de Deportes (CSD) deulle a razón ao Club Ourense Baloncesto no recurso presentado contra a decisión da Asociación de Clubes de Baloncesto, entidade organizadora da Liga Endesa, de non inscribilo na competición 2015/2016 malia acadar o ascenso de categoría o 2 de xuño nunha histórica final galega no Pazo Paco Paz.

COB-Breogán
photo_camera COB-Breogán

O Consello Superior de Deportes (CSD) deulle a razón ao Club Ourense Baloncesto no recurso presentado contra a decisión da Asociación de Clubes de Baloncesto, entidade organizadora da Liga Endesa, de non inscribilo na competición 2015/2016 malia acadar o ascenso de categoría o 2 de xuño nunha histórica final galega no Pazo Paco Paz.

O organismo gubernamental, ao que acudiu o COB logo de que o Tribunal Administrativo do Deporte se declarase incompetente para xulgar o caso, entende que o clube cumpría “o criterio establecido no artigo 8.2 dos estatatos da ACB en todos os seus puntos”, incluída a auditoría financeira coa que a Liga xustificara a súa negativa de non inscribir o equipo ourensán na máxima categoría do baloncesto estatal.

"A ACB comunicou o 3 de xullo a súa decisión de rexeitar a participación do Club Ourense Baloncesto na competición"

Como se lembrará, a ACB comunicou o 3 de xullo a súa decisión de rexeitar a participación do Club Ourense Baloncesto na competición 2015/2016 logo de que a auditoría realizada polos seus técnicos confirmase que a entidade galega estaba en “situación de disolución”, un estado contábel ficticio na práctica que, ademais, non tiña en conta, como vén de sinalar o Centro Superior de Deportes, o “activo engadido” que suporía para o patrimonio do clube a prórroga da cesión do pavillón Paco Paz durante 50 anos. Esta medida, que fora comprometida polo presidente en funcións da Deputación de Ourense naquela altura, estaba valorada en perto de 1,3 millóns de euros, co que se revertería, de longo, a situación contábel negativa que os auditores da ACB contemplaban no seu informe. Porén, o acordo entre o clube e a institución provincial non puido asinarse ao coincidir co periodo electoral, co agravante que supuxo a impugnación no Concello de Lobios, que adiou unhas semanas o proceso de constitución das corporacións, incluída a provincial.

"A resolución do CSD é “definitiva”, mais pode ser recurrida, nun prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-administrativo da Audiencia Nacional"

A resolución do CSD é “definitiva”, mais pode ser recurrida, nun prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-administrativo da Audiencia Nacional, unha posibilidade que non é completamente desbotábel, como deixou ver a ACB no comunicado que no serán de onte publico una súa páxina web. A “patronal” do básket estatal manifestou a súa “absoluta disconformidade” coa decisión do CSD ao considerala, en primeiro termo, “contraditoria coa normativa establecida nos estatutos e regulamentos da ACB aprobados polo propio Consello Superior de Deportes”, e por “xerar unha grave inseguridade xurídica tanto na aplicación das normas de control económico dos clubes como nos procesos de ascensos e descensos”. A ACB anunciou tamén que solicitará urxentemente “informes xurídicos” a despachos de avogados expertos en dereito deportivo para “interpretar e aplicar a resolución do CSD”.

Hai que lembrar, de feito, que a ACB xa admitira a participación do Baloncesto Fuenlabrada, descendido nas canchas, e que a resolución do CSD podería levar a que na Liga Endesa 2015/2016 competisen 19 equipos, dous deles galegos por vez primeira en quince anos.

Comentarios