O COB Ourense regresa á acción logo dunha parada a causa do coronavirus

A escuadra das Burgas xoga mañá ás 19 no Paco Paz.
A alegría por volver é total no COB Ourense (Foto: COB Ourense).
photo_camera A alegría por volver é total no COB Ourense (Foto: COB Ourense).

O Ibereólica Renovábeis Ourense volve á acción despois dunha parada obrigada a causa dos casos positivos detectados no seo do conxunto das Burgas. Tan só catro días despois de retomar os adestramentos, o COB Ourense disputa esta cuarta feira ás 19 horas da tarde no Pazo dos Deportes Paco Paz ante Levitec Huesca un partido que pode resultar transcendental para garantir a permanencia na categoría de prata no baloncesto estatal.

Actualmente, o COB ocupa a quinta posición na táboa clasificatoria, que marca o límite do descenso, con sete vitorias, exactamente as mesmas que o seu rival de hoxe, aínda que os oscenses xogaron tres partidos máis.

Por iso, e co obxectivo de que o equipo conte con todo o apoio posíbel no Paco Paz, a directiva ourensá decidiu que os boletos serán de balde para os aboados e aboadas, mentres que para o resto do público o prezo será de tan só cinco euros.

Para o técnico do Ibereólica Renovábeis Ourense, Gonzalo García de Vitoria, os seus xogadores "están, dentro do que cabe, ben, mais nunca é un bo escenario ter que parar por temas de saúde, e menos neste, que é o peor momento posíbel, pero éche o que hai e temos que, desde agora, xogar cinco partidos de vital importancia".

O primeiro deles, ante Levitec Huesca, un rival que, segundo García de Vitoria, "tamén se está xogando moito, polo que sentirá a presión, e máis tendo en conta que tan só lle quedan dous partidos por disputar".

Ademais, o aragonés é un espello no que quere mirarse o preparador galego, pois "eles tamén tiveron casos de Covid-19 contra o final da tempada, e foron quen de sacar dous partidos nada máis regresar".

Sobre a pista, gabou as "ideas claras" dun colectivo no que individualmente destacou os nomes de "Cubillán, Mackenzie ou Michael Moore". 

Comentarios