martes 09/03/21

O COB Ourense dá a sorpresa e faise co triunfo no 'Derbi do Miño'

Vitoria vital (77-71) ante o líder da categoría, Leite Río Breogán
Sorpresiva vitoria do Ourense no Paco Paz (Foto: COB Ourense).
Sorpresiva vitoria do Ourense no Paco Paz (Foto: COB Ourense).

O COB Ourense e o Leite Río Breogán enfrontáronse no Pazo dos Deportes Paco Pazo nun 'Derbi do Miño' sen público e con claro favoritismo do conxunto visitante, dada a súa condición de líder da categoría, mais os locais deron a sorpresa facéndose coa vitoria final (77-71).

O choque, deslucido pola ausencia total de público nas bancadas, arrincou cun Ibereólica Renovables Ourense mellor que o Leite Río, a pesar de que a primeira canastra -rapidamente contrarrestada por Andre Spight- correu a cargo dos celestes.

Cuns inspiradísimos Mikel Uriz e Diego Brito, o Ourense non cedeu até finalizar os primeiros dez minutos cun sorprendente 24-13, tónica que continuou durante o segundo cuarto, a pesar de que o Breogán comezou máis metido da man dun sempre eficiente Salva Arco.

Porén, e a pesar desa presión lucense, os locais non se descompuxeron e foron quen de recuperar -e mesmo ampliar por momentos- a vantaxe inicial.

Co capitán Kevin Van Wijk anotando desde fóra e Djordje Dimitrijevic percutindo desde a zona, alcanzouse o tempo de descanso con 35-30 no marcador.

Logo da reanudación, o Leite Río Breogán tratou de todos os modos posíbeis de recortar distancias, pero as súas porcentaxes de tiro non melloraban, sendo incapaz de rebaixar os dez puntos de distancia cun COB Ourense que estaba practicando un dos seus mellores baloncestos da tempada.

Finalmente, e con 62-49 no marcador, espertou o Leite Río, conseguindo un parcial de 0-10 que abriu a porta a un cambio de paradigma de última hora, mais Adonys Henríquez, con dous triplos consecutivos, acabou coa tardía reacción do Breogán.

comentarios