O COB devolve Ourense á elite do baloncesto

Derrotou o Breogán (91-65) no quinto partido que enfrontaba ourensáns e lucenses polo ascenso nunha final intensa e apaixonante. Volve o COB á ACB 15 anos despois.

COB

O Clube Ourense de Baloncesto (COB) volve á primeira liña deste deporte ao se impor esta terza feira ao Breogán de Lugo por un contundente 91-65 nun partido vibrante na cancha e nas bancadas. Nun Paco paz ateigado até a bandeira, os ourensáns non deixaron fuxir a oportunidade que si se lles escapou aos lucenses no encontro anterior e aproveitaron o factor casa para gañar.

Era o quinto partido da final da LEB Ouro que nestes días xogaron COB e Breogán, cinco encontros nos que as afeccións de ambas as dúas equipas deron toda unha lección de convidio, irmandade e festa en chave galega e sen localismos pailanistas. E o Ourense impúxose de maneira máis que clara, por 26 puntos de diferenza e cun imparábel Marcos Suka-Umu, con 24 puntos e 7 asistencias. A vitoria devolve Ourense á ACB, categoría onde xa ascendera en dúas ocasións anteriores: 1988/89 e 1999/00.

Finalizado o partido, a festa estendeuse pola cidade, onde seareiros e veciñanza festexaron un ascenso pelexado até o final cos ‘irmáns’ da outra beira do Miño. Un berro presidiu a festa en todo momento: “Que si, ‘joder,. Ourense é ACB”.

COB: Brothers (10), C. Iglesias (3), C. Díaz (7), Arco (3), Rodríguez (0), Geramipoor (1), Rivero (7), Martínez (6), Rejón (9), Suka Umu (24), Fieler (6), Busma (15).

Breogán: Mortellaro (5), Llorca (7), Dani López  (8), Samb (9), Matulionis (14), Sánchez (2), Álex López (4), McGhee (13), Van Wijk (3).

Comentarios