Club Deportivo Lugo: Novo adestrador no Lugo, mesmos hábitos

Cambiar as cousas para que nada cambie. Un pouco como o que lle pasaba a Bill Murray naquel clásico cinematográfico intemporal chamado Atrapado no tempo, no que espertaba unha e outra vez sumido no Día da Marmota, o Club Deportivo Lugo non cesa de relevar técnico tras técnico co mesmo nulo éxito da personaxe do xardesco reporteiro Phil Connors intentando fuxir do bucle temporal no que estaba atrapado.
Por moito que o flamante técnico lucense resalte a "actitude boísima" dos seus homes, non se albisca un cambio a mellor no horizonte. (Foto: La Liga).
photo_camera Por moito que o flamante técnico lucense resalte a "actitude boísima" dos seus homes, non se albisca un cambio a mellor no horizonte. (Foto: La Liga).

Outro día na oficina para a sufrida afección dun Club Deportivo Lugo que perdeu ante a Sociedade Deportiva Ponferradina no Toralín (2-0) o seu sexto partido consecutivo. 

Chegaban os albivermellos a Ponferrada coa ilusión de que co cuarto técnico do equipo nesta tempada debutando no banco lucense puidese facerse realidade aquel vello tópico futbolístico de "a adestrador novo, vitoria segura", pero nada máis lonxe da realidade.

A man de Rubén Albés non se notou en ningún eido do xogo, até o punto de que os xogadores transmitiron exactamente as mesmas sensacións de impotencia e apatía que o vigués herdou da era Luís César Sampedro, do que até imitou a vella costume de encaixar un gol nos primeiros intres de partido, neste caso no minuto 10, da man dun Paris que aproveitou un erro do ex deportivista Luís Ruíz para abrir unha fenda que aumentaría un futbolista a piques de celebrar o seu 39 aniversario, o incombustíbel dianteiro brasileiro e curmán de Charles Dias, Yuri De Souza.

Albés herdou da era Luís César o vello costume de encaixar gol cedo

Con este resultado o Lugo queda sumido na antepenúltima posición a tres puntos da salvación, e cando quedan tan só seis partidos por diante outra derrota ante un rival directo por eludir o descenso como é o Real Zaragoza na vindeira xornada deixaría -salvo un milagre da magnitude do logrado a tempada pasada- os albivermellos con pé e medio na Primeira RFEF.

Misión cumprida: o Celta continuará na Primeira

O Celta de Vigo superou Osasuna en Balaídos por 2-1 e certificou, quizais non matematicamente, mais si virtualmente, a súa continuidade na máxima categoría durante un ano máis.

A escuadra olívica saíu moi enchufada a un choque no que perdeu Hugo Mallo no minuto 7 por unhas molestias no bíceps femoral da perna esquerda, sendo substituído por un Kevin que rendeu a un gran nivel. Afortunadamente, a baixa do capitán non descentrou o equipo, e da man de Iago Aspas o Celta conseguiu adiantarse pouco antes do descanso e logo, cun testarazo de Murillo no 64, sentenciaría o encontro.

Porén, o colexiado Soto Grado e o seu asistente na sala do VAR, Pizarro Gómez, decidiron tomar protagonismo no partido e non só anularon un gol a Nolito por un fóra de xogo cuestión de milímetros, senón que sinalaron un máis que rigoroso penal de Aspas sobre Roberto Torres que tornaría no 2-1 definitivo.

Con todo, o resultado final é o que importa, e con el o Celta, salvo desastre, xa pode centrarse no que resta de tempada en tratar de recortar distancias cuns postos europeos dos que está separado por oito puntos cando quedan 15 en xogo.

Gran xornada para Rácing, Coruxo e o filial do Celta na Segunda B

O Celta B confirmou o seu gran momento logo de golear na súa casa o filial do Real Valladolid por un contundente 0-5. A exhibición protagonizada polos canteiráns celestes situounos nos postos que dan acceso a disputar o play-off de ascenso, e tan só dependen de si mesmos e das súas actuacións ante Cultural e Burgos nos dous partidos que restan para o final da fase.

Tamén dependen dos seus propios resultados, neste caso para estar a vindeira tempada na Primeira RFEF, Deportivo da Coruña e Rácing de Ferrol, logo de que os coruñeses volveran da casa do fechacancelas Marino cun pobre empate sen goles e os Diaños Verdes superaran o Langreo por 2-3.

Quen xa perdeu ese tren foi o Compostela, que o próximo ano xogará na Segunda RFEF após caer co Numancia. Nesa categoría tamén deberían militar Coruxo e Pontevedra, que polo de agora son primeiro e segundo clasificados no grupo por eludir o descenso á Terceira División. Os de Vigo gañaron o Covadonga por 2-3 en Asturias, mentres que a escuadra granate rañou un valioso empate no campo do seu inmediato perseguidor, o equipo filial do Real Oviedo.

Comentarios