A Clásica de Pascuilla abre en Padrón a Copa Galiza 2022

O certame arranca este sábado ás 14 horas da tarde.
A proba repartirá puntos para os ránkings da Federación Estatal. (Foto: Team Oiense)
photo_camera A proba repartirá puntos para os ránkings da Federación Estatal. (Foto: Team Oiense)

A LIX edición da Clásica de Pascuilla abre este sábado o calendario 2022 da Copa Galiza de estrada para corredores Elite e Sub-23. Este certame, coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) e que non se disputou nos dous últimos anos por mor da pandemia, consta doutras dúas carreiras dun día que tamén repartirán puntos para os ránkings da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC): o Gran Premio Concello do Porriño e a Domaio Heroica-Gsport.

As primeiras camisolas de líder estarán en xogo nunha das citas máis históricas do pelotón galego, a tradicional Clásica de Pascuilla organizada polo Club Ciclista Padronés. A proba comezará ás 14 horas, e ten prevista a súa chegada a partir das 17 horas da tarde.

O percorrido de 125 quilómetros, con inicio e final en Padrón, tamén transcorrerá polas estradas dos concellos de Rois, Dodro e Rianxo, nunha ruta na que os ciclistas terán que subir seis portos de montaña (Beixo, Palleiro, Formarís -tres veces-, e Pereira), e na que se estabelecen catro metas voantes.

As clasificacións xerais da Clásica de Pascuílla servirán aos corredores para tomar posicións de cara á gran fin de semana da Copa Galiza, a do 11 e o 12 de xuño.

O Gran Premio Concello do Porriño, organizado por segundo ano consecutivo polo club Máster da Louriña, abrirá a dobre cita no sur do país e, xa ao día seguinte, a Asociación Deportiva Punta Fondón achegará unha nova carreira ao panorama ciclista galego e estatal, a Domaio Heroica - Gsport, que coroará en Moaña aos gañadores deste certame exclusivo das categorías Elite-Sub-23 que organiza a Federación Ciclismo Galego.

Manzaneda, capital ciclista

Ben lonxe de alí, na estación de montaña de Manzaneda, tamén terán lugar numerosos eventos coa bicicleta como protagonista en próximas datas: tres deles de descenso, un de estrada e outro de MiniDH.

O primeiro deles, previsto para o domingo 1 de maio, será o Trofeo Federación DHI Manzaneda BikePark, que regresa coa súa segunda edición. Despois, xa durante o verán, o domingo 10 de xullo poranse en xogo as coroas do Campionato da Galiza DHi; o 6 de agosto correrase o Trofeo MiniDH Manzaneda, e o 17 de setembro, a etapa raíña da Volta a Galiza.

Comentarios