O Circuíto Galego abre 2022 en Vimianzo co XIII Dúatlon de Reis

A organización informa de máis de 200 inscritas e dun récord de participación feminina.
A proba rachará co récord de participación femnina neste 2022 (Foto: Concello de Vimianzo).
photo_camera A proba rachará co récord de participación femnina neste 2022 (Foto: Concello de Vimianzo).

A Casa da Cultura acolleu na tarde desta cuarta feira a gala de presentación do XIII Dúatlon de Reis do Concello de Vimianzo, así como do Circuíto Galego de Dúatlon Cros no que se enmarca. A proba vimiancesa disputarase o vindeiro 9 de xaneiro, e contará con representación nas categorías absoluta, cadete, xuvenil e júnior. 

O circuíto foi presentado nunha gala conducida polo xornalista Terio Carrera, e na mesma participaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Mario Andújar; e diversos representantes da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno encabezados polo seu presidente, Gonzalo Mario Triunfo Delgado.

A carreira terá a súa saída ás 11.30 horas (9.30 para as categorías inferiores) no lugar de Castromil, na parroquia de Salto, e percorrerá distintos camiños forestais dirección Tines para logo volver ao punto de partida.

A proba constará de tres itinerarios diferentes: o primeiro será a pé e levarase a cabo ao longo de 5,4 quilómetros; o segundo en bicicleta (21 quilómetros); e o terceiro e último consta de 3,6 quilómetros de novo a pé.

Inscricións abertas

Desde a organización insisten en que as inscricións permanecerán abertas até o vindeiro día 3 de xaneiro de 2022 a través da páxina web da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno.

A día de hoxe xa hai 213 atletas inscritas: 103 na proba absoluta individual, 78 no circuíto mozo e 32 en parellas, uns datos que xa supoñen un récord no referente á participación feminina, que alcanza a media centena.

A rexedora de Vimianzo resaltou como principal novidade que este ano o Dúatlon de Reis "contará por primeira vez na súa historia, ademais de co absoluto, cun circuíto mozo, coas categorías de cadete, xuvenil e júnior, que está a ter unha moi boa acollida". 

Comentarios