Prazo de presentación de candidaturas aberto até o 10 de agosto

A cidade de Pontevedra acolle este ano a V Gala do Deporte Feminino Galego

A Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega) convoca os V Premios ao Deporte Feminino de Galiza e abre o prazo para a presentación de candidaturas ás mellores deportistas, técnicas, entidades, medios de comunicación, árbitras e clubes da tempada 2016. Este ano volve ser posíbel, grazas a Mudega e á Deputación de Pontevedra, a celebración da única Gala que premia e recoñece o esforzo, talento e logros das nosas mellores deportistas!

Exhibición Clube Mace-Sport na II Gala do Deporte Feminino, en Ames (2013)
photo_camera Exhibición Clube Mace-Sport na II Gala do Deporte Feminino, en Ames (2013) Foto: Mudega

Os premios entregaranse no transcurso dunha gala que terá lugar na cidade de Pontevedra a finais do mes de setembro, organizada pola Deputación Provincial de Pontevedra e MUDEGA. Este acto pretende lograr dar visibilidade ó deporte feminino, premiar o esforzo e adestramento diario das nosas deportistas e que así os seus éxitos acaden o mesmo recoñecemento que os masculinos.

O prazo de presentación de candidaturas a permanecer aberto até o vindeiro 1 de setembro e poden enviar propostas as federacións, concellos, institucións, medios de comunicación, clubes e persoas a nivel particular. Após, o xurado encargado de decidir que persoas van ser premiadas, analizarán as candidaturas que deben ser enviadas ao correo [email protected]. Doce é o número de categorías e polo tanto, doce son os premios que se van entregar nesta gala tan esperada e desexada.

Desde a premio á mellor deportista feminina, mellor deportista feminina con discapacidade, mellor deportista feminina promesa, mellor adestradora ou adestrador do deporte feminino, mellor equipa feminina, premio á traxectoria, mellor árbitra ou xuíza, mellor directiva ou directivo, medio de comunicación amigo do deporte feminino, até premios á institución pública amiga do deporte feminino, entidade privada máis colaboradora co deporte feminino e premio á mellor iniciativa a prol do deporte feminino.

A data e o lugar concretos daranse a coñecer máis adiante de cara aos preparativos da V Gala do Deporte Feminino Galego, polo que estaremos atentas e atentos para seguir informando deste acontecemento tan importante, non so para o deporte feminino, tamén para toda a sociedade!

Comentarios