O Cidade de Lugo consolídase como o mellor equipo de tríatlon do Estado

Aumenta o seu palmarés coa Copa da Raíña e a Liga Nacional
A Copa da Raíña volve a Lugo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A Copa da Raíña volve a Lugo. (Foto: Nós Diario).

Desde a irrupción das inmensas figuras de Iván Raña e Javier Gómez Noya a principios desta centuria, o tríatlon non deixa de acumular éxitos para o deporte galego. Nesta ocasión o protagonismo caeu no Clube Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial, que arrasou cos seus competidores tanto na Liga Nacional de Clubes masculina e feminina como na Copa da Raíña, e a piques estivo de facerse tamén coa Copa do Rei, competicións desenvolvidas todas elas na localidade andaluza de Roquetas de Mar.

Ademais da entidade lucense tamén tomaron parte outros conxuntos galegos, como o Clube Olímpico de Vedra, o Tríatlon Ferrol, Arcade Inforhouse de Santiago, Clube Natación Boiro e Náutico de Narón, que alcanzou a segunda posición na Copa da Raíña, empatado cos Diablillos de Rivas Mar de Pulpi cun tempo de 1:02:18. Nesta competición, as do Cidade de Lugo Fluvial non deron ningún tipo de opción ás súas rivais, mellorando o seu tempo en 55 segundos e facéndose co prestixioso galardón por terceiro ano consecutivo grazas ao destacado papel de Sara, Saleta, Ceci, Lucía, Iria e Natalia .

Na Copa do Rei non tivo tanta sorte a escuadra lucense -representada por Guillem, Kevin, Esteban, Rubén, Andrés e Xandre-, pois a vitoria nunha competición marcada pola igualdade extrema entre os contendentes recaeu na Universidade de Alacante por tan só dous segundos de vantaxe sobre os galegos.

Ademais, o Cidade de Lugo Fluvial conseguiu os dous trofeos da Liga de Clubes da Federación Española de Tríatlon, tanto feminino como masculino, logo do cómputo da suma de puntos das tres últimas xornadas en cada categoría, onde chegaron cunha cómoda marxe froito do traballo ben feito en anteriores probas.

Comentarios