A cidade da Coruña rescata o tradicional 'Día do Deporte'

Máis de 60 disciplinas invadirán as súas rúas.
A ximnasia é só un dos moitos deportes que estarán representados. (Foto: Ximnasia Coruña).
photo_camera A ximnasia é só un dos moitos deportes que estarán representados. (Foto: Ximnasia Coruña).

O domingo 27 de xuño será un día moi especial para todas as amantes do deporte na Coruña, pois a cidade herculina rescata o tradicional 'Día do Deporte', que durante practicamente a totalidade da xornada anegará as rúas da cidade de actividades deportivas.

O evento foi presentado no día de hoxe pola concelleira de Deportes, Mónica Martínez, quen explicou que a principal novidade será a "descentralización" en nove zonas de actividades distintas que servirán de "escaparate" do deporte para toda a cidadanía e nas que se seguirán "estritas medidas de seguridade", que inclúen un punto de acceso para o control da capacidade e o respecto aos protocolos anti Covid-19.

"Seguimos nas habituais localizacións céntricas, pero saímos a maiores a outros puntos para propiciar un maior número de espazos de cara a aliviar a concentración de participantes", explicou.

Neste 2021 serán máis de 60 especialidades deportivas diferentes as que integren o programa, no que colaboraron un total de 76 entidades que comparten o común obxectivo "do fomento da práctica da actividade física de forma lúdica e divertida e a filosofía do deporte para todos e todas".

Deste modo, a festa terá lugar entre as 11 e as 14 horas, na xornada de mañá, e entre as 16 e as 19, na de tarde, sendo as sedes coruñesas escollidas a Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias, a Pista de Adormideras, a Pista de Petanca de San Amaro, os Xardíns de Méndez Núñez, a Cidade Deportiva de Riazor, a Casa da Auga, a praza de San Pablo, a praza de Tabacos e a praia de Oza.

A concelleira apuntou que a cada persoa inscrita se lle entregará un 'Carné da Deportista', que se irá selando en cada un dos nove puntos de actividades, sempre que a participante as supere nun tempo prudencial e con respecto ás normas estabelecidas pola organización en cada punto.

Neste sentido, e para promover que a xente non se limite a tomar parte nas disciplinas consideradas "maioritarias", a organización determinou que a práctica dalgunhas modalidades reporten dous selos como recompensa, en lugar dun só. Ao conseguir tres selos, cada persoa recibirá unha camiseta como recompensa, ademais da posibilidade de participar nun sorteo de agasallos.

Comentarios