O Ciclocrós Internacional categoría C1 chega de novo á cidade de Pontevedra

O Ciclocrós Internacional Cidade de Pontevedra, de categoría C1 terá lugar este sábado. O circuíto desta edición incorporará unha proba inclusiva.
A liña de meta en Pontevedra na proba de ciclocrós (Foto: CX Pontevedra).
photo_camera A liña de meta en Pontevedra na proba de ciclocrós (Foto: CX Pontevedra).

Este sábado 8 de outubro volve unha nova edición do Ciclocrós Internacional Cidade de Pontevedra, de categoría C1, baixo a organización da Federación Ciclismo Galego (FCG) e co patrocinio do Concello de Pontevedra. A proba, valedoira para a Copa de España de Ciclocrós e segunda cita do certame, disputarase na Illa das Esculturas e convocará todo o máis sobranceiro do ciclocrós nacional e internacional. A proba servirá tamén para ver o escenario que acollerá, en 2024, o Campionato de Europa deste deporte. 

Horarios da competición oficial en Pontevedra

A competición ten previsto iniciarse o sábado 8 de outubro ás 9 horas coa saída da manga júnior masculina e continuará ás 10.15 horas coa júnior feminina. Posteriormente será a quenda das mulleres elite e Sub-23 ás 11.45 horas para dar paso, ás 13 horas, da manga elite e Sub-23 masculina, a proba raíña do programa competitivo. 

Ás 14.15 horas está prevista a proba de ciclocrós inclusivo, unha das novidades desta edición pontevedresa, e o que será o aceno de identidade da carreira. Será a oportunidade para que ciclistas con diversidade funcional poidan afrontar, nun percorrido idéntico ao resto, esta manga non competitiva. Xa na xornada vespertina, a mocidade cadete comezará ás 17 horas. 

A proba máster 30, 50 e 60 masculina, xunto á máster feminina, disputarase ás 18 horas mentres que os máster 40 masculinos porán o ramo da xornada cunha numerosa manga que ten a saída programada ás 19 horas. 

Mantense a esencia do circuíto no seu percorrido

En relación co percorrido, mantense a esencia dun circuíto que bordea o río Lérez, onde a vantaxe está sempre ao lado de deportistas potentes por contar con longas rectas nas que se chegarán a superar os 35 quilómetros por hora. As zonas técnicas, como a dura rampla xusto antes de meta, apertarán aínda máis as mangas que cheguen igualadas ao final.

O circuíto redúcese levemente en distancia, xa que se elimina parte na zona do colexio. Os puntos quentes do percorrido de 3,4 km serán a zona de taboleiros xusto antes do box, que tamén reduce a velocidade neste punto, as escaleiras, e o zigzag na ladeira e a última costa antes da zona de meta.

“Un fallo págase e custa remontar. A parte final vai ser decisiva polos obstáculos e a dificultade de adiantar”, sinala o director técnico da proba, Alberto del Río.

Comentarios