O ciclocrós galego continúa vivindo a súa idade de ouro

O máis que centenario deporte das dúas rodas ten unha modalidade na que a Galiza é potencia: o ciclocrós, tal e como veñen de referendar os corredores e corredoras do país no Estatal que se desenvolveu na localidade valenciana de Xátiva da man de nomes como Irene Trabajo, Iván Feijoo ou María Filgueiras.
Membro da selección galega que se adxudicou o triunfo na modalidade de 'Team Relay', Ricardo Buba tamén gañou na categoría júnior. (Foto: RFEC).
photo_camera Membro da selección galega que se adxudicou o triunfo na modalidade de 'Team Relay', Ricardo Buba tamén gañou na categoría júnior. (Foto: RFEC).

Pode que o ciclocrós non sexa a disciplina máis popular entre o gran público na Galiza, pero como acontece co tríatlon, o país galego erixiuse en fonte inesgotábel dun talento que non cesa de deparar alegrías aos afeccionados e afeccionadas.

Lonxe queda aquel ano 1970, cando da man dos desaparecidos Antonio Días Lema e o Club Ciclista Pontevedrés a Cidade do Lérez acolleu o primeiro Campionato de España da modalidade que se disputou fóra das fronteiras de Euskadi, ou ese 1974 no que o campión do mundo Albert Van Damme vestiu de curto no circuíto de Monte Porreiro co gallo do Gran Premio de San Sebastián.

Agora, medio século máis tarde, a evolución do ciclocrós na Galiza alcanzou un punto no que xa non se fai necesario importar figuras, nin recorrer a talento con nome de estrela do cinema de acción, pois os Ricardo Buba, Laura Mira, Miguel Rodríguez, Iván Feijoo e compañía configuraron un dominio galego sobre as dúas rodas que -case- non admite nin comparación nin competencia.

A súa última fazaña, ese novo "golpe de pedal" -como diría o campión do Tour de Francia e hoxe analista deportivo Perico Delgado- produciuse no Campionato de España que vén de disputarse na localidade valenciana de Xàtiva. Alí, nun circuíto moi rápido e seco, que en principio non era o máis favorábel ás súas condicións, o ciclocrós galego exhibiu a súa puxanza logrando en total unha decena de medallas en terras levantinas: catro ouros -o do conxunto da selección no Team Relay, o da cadete María Filgueiras, o de Marina González (Illas Cíes) en Máster-40 e o do júnior Ricardo Buba-; tres pratas -a da cadete Aroa Otero, a do veterano Máster-40 Andrés Calvete e a da júnior Laura Mira- e tres bronces, o do Máster-40 Moisés Leboso (Grupo Deportivo Diez), o do Sub-23 Miguel Rodríguez e o do elite Iván Feijoo defendendo as cores do seu novo equipo, o MMR, na súa estrea na categoría raíña masculina. Nesta última proba, o triplo campión estatal Sub-23 acusou nun principio ese salto, mais logo dun inicio complicado foi escalando posicións até asaltar a terceira praza a falta de tres voltas para o remate. 

No referente ás mulleres, a betanceira María Filgueiras, gañadora esta mesma tempada da Copa de España, certificou a súa condición de gran favorita nas cadetes dominando a carreira de principio a fin. Desde o mesmo momento do esprinte inicial púxose á fronte do pelotón e marchou en solitario até entrar na liña de meta con 20 segundos de vantaxe sobre a segunda clasificada. A chave, tal e como recoñeceu xa co metal colgado do pescozo a novísima corredora, estivo na súa capacidade para "saír ben e manter o ritmo durante toda a carreira e, sobre todo, en evitar erros".

Tamén logrou facerse co triunfo final unha competidora verinesa afincada en Vigo, Marina González, quen estivo flanqueada no podio por dúas ciclistas do nivel de Ruth Moll (Oviedo.es) e María Fernández (MTB Madrid).

"Vai por ti, Guille". Os corredores dedican o triunfo ao malogrado seleccionador galego

Hai tres anos, a última vez que se disputou a proba de 'Team Relay' no marco do Campionato de España de Ciclocrós, o seleccionador galego, Guillermo Sande, festexaba en Pontevedra a vitoria da Galiza. Neste 2022 a Irmandiña revalidou o seu título de remudas por equipos sobre o circuíto valenciano de Xàtiva, e os seus integrantes -o elite Samuel González, o cadete Tomás Pombo, a elite Irene Trabazo, o Máster-40 Andrés Calvete, o júnior Ricardo Buba e o sub23 Miguel Rodríguez- quixeron homenaxear o que fóra preparador galego durante un cuarto de século subindo ao podio cun cartel que rezaba "Guillermo Sande, sempre con nós". O máis veterano do grupo, Calvete, engadiu despois que as súas medallas de ouro eran "o mellor modo de honrar a memoria" dun home chave "nas vitorias das edicións anteriores". 

Comentarios