Ciclismo e muller: un deporte emancipador

A bicicleta leva sendo un vehículo de independencia das galegas desde finais do XIX
Maruja Mallo foi unha das grandes defensoras da bicicleta como elemento emancipador da muller (Foto: Nós Diario).
photo_camera Maruja Mallo foi unha das grandes defensoras da bicicleta como elemento emancipador da muller (Foto: Nós Diario).

"Woman is riding to suffrage on the bicycle", é dicir, "a muller vai en bicicleta ao sufraxio". Atribuída tanto a Susan B. Anthony como a Elizabeth Cady Stanton, históricas sufraxistas norteamericanas e dúas das figuras máis relevantes nas primeiras loitas polos dereitos das mulleres, alá pola segunda metade do século XIX, esta frase representa á perfección a influencia que tivo a bicicleta no movemento de emancipación feminino.

Este fenómeno, por suposto, non foi exclusivo dos Estados Unidos, e axiña deu o salto a Europa e, por conseguinte, á Galiza. Cinguido nas súas orixes ás mulleres da alta sociedade, que xa a finais do XIX asistían aos espectáculos de ciclismo nos velódromos galegos, non tardarían en tornar en protagonistas, sendo na Ribadavia de 1894, da man da Sociedade Sport Velocipédico, onde se atopan os primeiros rexistros do ciclismo feminino na Galiza.

Case ao mesmo tempo, publicacións da época deixan constancia da súa práctica por parte de "numerosas señoritas" da Coruña, Compostela -"unha rapaza compostelá comezou a render culto ao pedal, prometendo ser unha verdadeira ciclista"-, Pontevedra -da man das fillas do popular culturista Attilio Pontanari- ou Vigo, con Elvira Domínguez, de quen se dicía que usaba este medio para socorrer os repatriados de Cuba.

Competición e reivindicación

Co paso dos anos a bicicleta e o ciclismo foron ampliando a súa base social, adquirindo unha dobre vertente: a competitiva e a reivindicativa. Esta última representouna mellor que ninguén a sempre irreverente Maruja Mallo. Defensora das dúas rodas como parte da loita pola independencia económica e familiar da muller, xa en tempos da II República española, subida na súa bicicleta, pedaleou até o altar maior da igrexa de San Miguel de Arévalo (Ávila) en plena misa, para escándalo do sacerdote e da freguesía en pleno, un acto que foi considerado como unha "provocación" e que lle custaría o seu posto como mestra. 

A outra faceta, a competitiva, tamén creceu, e especialmente nas cidades herculina e olívica abundan os exemplos de probas desenvolvidas na primeira metade dos anos 30, das que as mulleres eran parte importante, aínda que sempre en idades infantís e recibindo premios diferentes aos dos rapaces. Así, unhas carreiras que tiveron lugar no Estadio de Balaídos en 1932 entregaron aos varóns balóns ou cámaras de fotografía, mentres que as mozas levaron copas ou cofres.

A chegada do franquismo, como en practicamente todos os eidos, trouxo consigo un retroceso de boa parte do camiño andado nas décadas anteriores. Aínda así, unha galega co ciclismo nas veas, Aurea 'Aurita' Rodríguez -irmán dos campións da Volta Ciclista a España Delio e Emilio Rodríguez- conseguiu o campionato feminino da Galiza en plena posguerra, a principios dos anos 40.

Hoxe, o conto é ben diferente, e nas estradas galegas saen a rodar cada día miles de mulleres, até o punto de que Galiza mesmo conta cun equipo  na máxima categoría a nivel mundial, o Team Farto-BTC, que ofrece unha plataforma para que a elite da canteira galega soñe con chegar a ser ciclistas profesionais.

Comentarios