A 'Chourizada' de Oia inaugura o calendario de marchas BTT de 2023

Un total de cinco probas conforman o calendario.
A carreira será o domingo 22. (Foto: Team Oiense)
photo_camera A carreira será o domingo 22. (Foto: Team Oiense)

As bicicletas tamén son para o inverno, tal e como demostran os cinco eventos de cicloturismo BTT programados pola Federación Ciclismo Galego (FCG) no primeiro trimestre do ano.

Este calendario será inaugurado o vindeiro domingo, 22 de xaneiro, pola undécima edición da BTT Chourizada de Oia. Organizada polo Club Ciclista Team Oiense en colaboración co Concello local, nesta ocasión a proba terá dúas rutas a elixir, unha de 32 e outra de 39 quilómetros, respectivamente.

Rematada a carreira, e xa o 19 de febreiro, será a quenda da III BTT Terras de Burgueira-Lourenza-Torroña, seguida pola Ruta Enduro Medela MTB de San Ciprián, en Cervo (6 de marzo), a X Eurocidade BTT de Tui (12 de marzo) e a I BTT Baixomiño Enduro Experience da Guarda (19 de marzo).

O Cortizo oficializa a fichaxe de Martín Rey

Cambiando o ciclismo  de montaña polo de estrada, o equipo Padronés Aluminios Cortizo contará a próxima tempada cunha das grandes promesas do ciclismo da Galiza, o campión galego sub-23, Martín Rey, quen retorna ao que foi o seu club de formación.

A súa fichaxe supón o regreso do fillo pródigo. O corredor vilagarcián chegou con tan só 12 anos ao Padronés e, tras pasar polas categorías infantís, cadetes e xuvenís, marchou con 17 anos ao Bembibre para seguir crecendo deportivamente e disputar máis probas do calendario estatal júnior.

A experiencia foi frutífera, xa que esa tempada despuntou no equipo leonés e Marcos Serrano levouno ao Rías Baixas, rescatándoo agora para o Padronés.

"Agardo que, ás súas ordes, algún día poida cumprir o soño de ser profesional", explicou un Rey que se mostrou "moi ilusionado e feliz" por volver "a casa despois de tres anos".

Comentarios