Chapela triunfa no arranque da Liga Galega de Traiñeiras A, e Rianxo sorprende na B

Tirán bátese coas mellores tripulacións do Cantábrico na ACT e queda segunda na Bandeira de Petronor, que decorreu en augas de Ziérbana (Euskal Herria)
Traiñeira de Rianxo. Foto: Todoremo.com
photo_camera Traiñeira de Rianxo. Foto: Todoremo.com

Xa está en marcha a tempada de traiñeiras, tanto en augas galegas como as do Cantábrico, volvendo poñer ao máximo os estrobos e os toletes. Na liga ACT (que reúne a tripulacións galegas, cántabras e vascas) ,a representante da Galiza, Tirán, atinxiu un máis que meritorio segundo posto na Bandeira de Petronor, que decorreu en augas de Ziérbana (Euskal Herria) e que gañou a traiñeira de Hondarribia. Nesta mesma categoría, e na outra regata, que tivo lugar en El Astillero (Cantabria), Tirán acabou en sexta posición, sendo os de Kaiku os gañadores desa bandeira. 

A clasificación da ACT está copada nos tres primeiros postos polas embarcacións vascas (Kaiku, Hondarribia e Koxtape), ocupando a galega de Tirán a cuarta posición, por diante do resto de embarcacións: Urdaibai, San Pedro, Zumaia, Castro Urdiales, Astillero, Pedreña.

Augas galegas

Xa no que se refire ao campionato a nivel da Galiza, na categoría A, a embarcación de Chapela mostrou que vai ter moito que dicer nesta tempada, ou polo menos iso é o que se desprende do arranque da mesma, onde gañou nas dúas xornadas da Bandeira de Sanxenxo. A tripulación de Chapela encabeza a clasificación da Liga Galega de Traiñeiras (LGT) na categoría A, seguida de Amegrove, Cabo de Cruz, Samertolameu e os arousáns de Vilaxoán.

E na segunda categoría (LGT-B), a traiñeira de Rianxo deu a sorpresa na regata da Guarda, impoñéndose a Esteirana (segunda) e Mecos (terceira). A primerira regata da liga B, a XX Bandeira de Vigo, foi para Robaleira, que se impuxo a Perillo, Mecos, Morrazo, Puebla, Rianxo, Esteirana, Coruxo e Cesantes. A clasificación nesta categoría encabézana as tripulacións de Mecos, Rianxo e Robaleira

A fotografía é de Todoremo.com

Comentarios