A Challenge da Volta a España trae a elite do ciclismo feminino por vez primeira a Galiza

Cabeza de Manzaneda, principal protagonista da prestixiosa proba.
challenge_manzaneda2021
photo_camera Percorrido da primeira etapa, cun porto de montaña de 1ª categoría. (Foto: Cedida)

Coincidindo co final da Volta a España 2021 na Praza do Obradoiro de Compostela, Galiza acollerá  entre o 2 e o 5 de setembro a Challenge da Volta a España, unha das probas máis importantes no calendario WorldTour feminino. 

Será a primeira vez que esta prestixiosa carreira, presentada esta terza feira oficialmente en Cabeza de Manzaneda, chegue a territorio galego. Contará con catro etapas. 

A primeira, con saída na Estación de Cabeza de Manzaneda (1.006 metros) e final na Rúa, tras 118 quilómetros e un porto de montaña de 1ª categoría. O percorrido levará as corredoras pola Pobra de Trives (749 m.), Larouco (526 m.), A Rúa (299 m.), Vilamartín de Valdeorras (310 m.), Alto da Portela (1.125 m., porto de 1ª), Prada (926 m.), A Veiga (882 m.), Santa Cruz (596 m.) e de novo pola Rúa, onde estará a meta.

Ao día seguinte, a segunda etapa será unha cronoescalada individual en Cabeza de Manzaneda, cun percorrido de 7,3 quilómetros e un ascenso de case 500 metros até ascender aos 1.490.

A terceira etapa, de 107,9 km, comezará de novo en Cabeza de Manzaneda e finalizará en Pereiro de Aguiar. Outra clásica etapa galega sobre un terreo moi exixente, con dous portos de montaña, de 3ª e 2ª categoría.

O percorrido inclúe A Pobra de Trives (749 m.), o Alto da Cerdeira (943 m., porto de 3ª), Castro Caldelas (780 m.), Pedrafita (905 m.), Alto da Lama (930 m., porto de 2ª), Casestas de Rodicio (939 m.), Maceda (575 m.), o Pinto (505 m.) e final na localidade de Pereiro de Aguiar (505 m.).

Para a derradeira xornada, as corredoras abandonará a montaña e trasladaranse á localidade das Pontes, de onte partirá a carreira nun percorrido con meta en Compostela ─moi posibelmente con chegada ao esprinte─ coincidindo co final no Obradoiro da Volta a España. 

Nesta proba en chan, as ciclistas pasarán polo Vilariño, Guitiriz, Teixeiro, Sesmonde, Pontecarreira, Sigüeiro e final na capital galega tras 107,4 quilómetros. 

Participación galega

As etapas disputaranse en horario matinal. Existen moitas posibilidades de que o Team Farto de Pontevedra participe na Challenge, algo que se confirmará nos próximos días. O pontevedrés é o único equipo galego inscrito como profesional na Unión Ciclista Internacional

As mellores corredoras do mundo daranse cita nesta carreira, a máis importante a nivel estatal do calendario ciclista e que se disputa desde o ano 2015. A alemá Lisa Brennauer, do equipo Ceratizit-WNT Pro Cycling, foi a gañadora das dúas últimas edicións. 

Comentarios