O Centro Galego de Tecnificación Deportiva contará con 168 prazas

A Secretaría Xeral para o Deporte aumenta 5% as prazas respecto á tempada pasada como resposta á petición das federacións.
José Ramón Lete Lasa nas instalacións do CGTD (Nós Diario)
photo_camera José Ramón Lete Lasa nas instalacións do CGTD (Nós Diario)

A pasada sexta feira a Secretaría Xeral para o Deporte publicaba a resolución do 17 de setembro de 2020 pola que se fan públicas as listaxes definitivas das prazas concedidas para o grupo de tecnificación e a pasada quinta feira facía o propio coa resolución do 23 de setembro de 2020, pola que se fan públicas as listaxes definitivas das prazas concedidas para o grupo de rendemento.

En total, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) terá nesta tempada 2020/2021 un total de 168 prazas concedidas: 105 de tecnificación e 63 de rendemento. Cómpre salientar que este número de prazas, que medra 5% con respecto ao curso anterior que fora de 160, atende as peticións das federacións deportivas. Por motivos de seguridade sanitaria e protocolo pola pandemia da Covid-19, o inicio do curso realízase de forma gradual para evitar aglomeracións.  

As 12 modalidades deportivas que contarán con prazas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva na tempada 2019/2020, segundo o disposto na Resolución do 7 de xuño son atletismo (marcha e lanzamentos), bádminton. ximnasia acrobática (trampolín e artística), judo, karate, loita, natación, piragüismo (augas bravas-slálom e augas tranquilas), remo, taekwondo, tríatlon e vela. 

Un centro con historia

O centro naceu no curso 1987-88 aproveitando as instalacións do Estadio da Xuventude e a residencia de estudantes Atlántico da cidade de Pontevedra. Co paso do tempo foise transformando nun moderno complexo deportivo no que se formaron os e as mellores deportistas de Galiza e, na actualidade, dálles cabida ás principais deportistas e promesas do deporte galego. No 2007 e no 2010, respectivamente, incorpóranse á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, instalacións que completan a preparación dos principais deportistas de piragüismo e vela. 

A lista de deportistas que chegaron á cima das súas modalidades logo de formarse neste Centro é moi extensa, salientando 20 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos cunha colleita total de 11 medallas desde os Xogos Olímpicos de Sídney 2000.

Comentarios