Un cento de palanadores de toda Galiza cítanse en Poio para ‘O día das estrelas’ da billarda

Organizada pola Liga Nacional da Billarda unirá deporte, cultura, convivio e música.

billarda o varal

Os mellores palanadores e palanadoras do país estarán este sábado en Poio, 17 de marzo, na gran festa anual da billarda, ‘O día das estrelas’. Un evento organizado pola Liga Nacional de Billarda (LNB) e que é un escaparate deste deporte tradicional,que desde hai anos deu un pulo importante, con competicións e xogadores en non poucas comarcas de Galiza.

A cita deportiva unirá nunha mesma competicións a máis do centenar de palanadores e palanadoras das tres conferencias existentes no país - Rías Baixas, Norleste e Noroeste-  sendo unha boa oportunidade de medir forzas antes da fase final que se disputarán en maio en Compostela.

billarda_2

A cita deste sábado  comezará ás 12:00 cos torneos de "golpeo triplo e perimetral" onde os participantes máis técnicos demostrarán a súa pericia no dominio do palán e a billarda sobre a terra da Reiboa. Xa pola tarde, a partir das 16:00 comezará o "Aberto das estrelas", onde está en disputa unha praza para a final da LNB. Ás 19:30, unha vez rematada a competición deportiva, será a quenda do humor e a música, da man do pallaso Peter Punk e o grupo ‘Blues do País’.

Esta competición está organizada pola Conferencia Rías Baixas da LNB da man do equipo de Poio da asociación Armadiña e conta co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Poio. Tamén da Bocatería/Pizzería A Reiboa.

Imaxes: O varal.

Comentarios