Celta, Ximnástica de Pontevedra e Ría Ferrol representarán Galiza no Campionato de España de Clubs

O principal obxectivo das equipas é a permanencia nas súas respectivas categorías.
A lenda vivente Jean Marie Okutu aspira a lograr o seu décimo segundo título de campión absoluto. (Foto: Atletismo.gal).
photo_camera O galego e lenda vivente Jean Marie Okutu defende as cores dun club catalán, o Fútbol Club Barcelona. (Foto: Atletismo.gal).

Despois dunha importante fin de semana na que os equipos galegos puxeron a punto a súa engrenaxe durante a disputa do Campionato da Galiza de Clubs, chega novamente toda e emoción das ligas, mais nesta ocasión no seu formato Estatal.

En total serán catro os equipos galegos que sexan da partida tanto na División de Honra -rebautizada comercialmente "Liga Iberdrola"- como na Primeira División, competicións que se desenvolverán en tres xornadas diferentes distribuídas entre o 24 de abril e o 8 de maio, sendo as dúas primeiras clasificatorias para unha terceira e última na que se determinará o resultado final.

Así, o Ría de Ferrol en mulleres e a Sociedade Ximnástica de Pontevedra en homes serán os representantes do país na máxima categoría estatal, mentres que na segunda serán da partida o Real Club Celta -tanto na modalidade masculina como na feminina- e a Ximnástica, só entre as mulleres

A escuadra ferrolá abrirá o seu calendario o día 24 de abril, sábado, no encontro D, onde competirán polos puntos en xogo contra Grupompleo Pamplona, Super Amara BAT e as locais do Atletismo San Sebastián, mentres que a formación pontevedresa terá que desprazarse até terras navarras para medirse á Real Sociedade, Grupompleo Pamplona e aos oscenses do Atletismo Intec-Zoiti.

En ambos os casos, neste primeiro encontro os intereses pasan por evitar custe o que custe un último posto que lles impida ir sumando puntos de cara ás seguintes fases, tratando de facer valer a súa experiencia nunha categoría que salvaron na pasada edición logo de superar eficazmente a última fase de permanencia, cun segundo posto para as departamentais e un terceiro para os do Lérez.

Con respecto á categoría de prata, os dous conxuntos galegos na modalidade masculina debutarán este sábado en Madrid, xunto os locais do Atletismo Alcorcón e as andaluzas do Bahía de Alxeciras. 

O seu obxectivo é común, pois tanto Celta como Ximnástica aspiran a tratar de eludir o descenso sen pasar demasiados apuros e, quen sabe, mesmo a  acceder á fase de ascenso, como xa fixeran as viguesas na última edición do certame, que lograron finalizar nun meritorio terceiro posto.

Xa no referente aos homes, o Real Club Celta viaxará até as pistas do Cidade de Salamanca para enfrontarse en terras castelás aos locais do Atlético Salamanca, os vascos do Atlético San Sebastián e os asturianos do Universidade de Oviedo.

Comentarios