O Celta volve saír debilitado do mercado de inverno

Rematou o período de fichaxes para os equipos galegos da Primeira, Segunda e Segunda División B. Salvo o Compostela, todos reforzaron o seu cadro de xogadores con chegadas de última hora, aínda que a crise económica fixo que as baixas fosen máis soadas que as altas, destacando as de Olaza no Celta e Rolán no Deportivo. 

A fichaxe do dianteiro Facundo Ferreyra non xerou moita ilusión na parroquia celeste pola súa exigua bagaxe goleadora en Español e Benfica. (Foto: RC Celta).
photo_camera A fichaxe do dianteiro Facundo Ferreyra non xerou moita ilusión na parroquia celeste pola súa exigua bagaxe goleadora en Español e Benfica. (Foto: RC Celta).

Lonxe dos excesos doutras épocas non tan afastadas, o primeiro mercado futbolístico invernal da era Covid rematou con certo sabor amargo para os equipos galegos, en especial para o Celta e o Deportivo, que perderon activos fundamentais como Lúcas Olaza e Diego Rolán.

Nun dos xaneiros máis axitados que se lembran en Vigo, a escuadra celeste fechou as chegadas de Aaron Martín e dos arxentinos Augusto Solari e Facundo Ferreyra, así como as saídas de Okay Yokuslu e Lúcas Olaza.Esta última foi especialmente dolorosa para os afeccionados e afeccionadas, que viron como se despedía pola porta de atrás un peso pesado no vestiario e sobre o terreo de xogo para reforzar un rival directo como é o Valladolid.

Teoricamente, o adeus de Olaza -que converte o cedido Aarón Martín no novo amo e señor do carril zurdo- era para facer posíbel a chegada do volante esquerdo do Benfica Franco Cervi, unha petición expresa do Chacho Coudet. Non obstante, as Aguias non facilitaron a partida do sanlorencino e o técnico arxentino terá que conformarse coa alta do seu compatriota Facundo Ferreyra, quen si que recibiu o visto bo da directiva lisboeta para pór rumbo a Vigo.

O dianteiro arxentino xera moitas dúbidas por levar convertidos tan só tres goles nas últimas tres tempadas, e o seu rendemento é unha incógnita non menor que a de Augusto Solari, quen con 29 anos aborda no Celta a súa primeira experiencia en Europa.

O Lugo aposta por Appiah

A entidade presidida por Tino Saqués realizou dúas incorporacións neste mercado invernal: o defensa mauritano Bakary N'Diaye e o dianteiro anglo-holandés Arvin Appiah, internacional coas categorías inferiores da selección inglesa.

Convertido polos petrodólares do xeque do Almería na fichaxe máis cara da Segunda División no ano 2019 -case nove millóns de euros-, o seu fracaso no conxunto andaluz abre as portas da muralla de Lugo a un xogador rápido e desequilibrante que pode chegar a ser o factor diferencial dun Club Deportivo Lugo que ten o seu punto feble, precisamente, no estatismo e na predicibilidade do seu ataque.

Abanca fecha a billa dos cartos no Deportivo

No referente aos seis equipos galegos da categoría de bronce, tan só na Sociedade Deportiva Compostela non se rexistraron movementos. Escasa de medios, pero coas ideas moi claras, non botou a casa pola ventá para tratar de asinar ningún dos nomes falados durante este xaneiro, caso de Antón Escobar, Dani Iglesias ou o deportivista Adri Castro.

Un caso practicamente antagónico ao dun Deportivo que tentou engadir varios nomes ao do dianteiro brasileiro Raí Nascimento. Porén, e lamentabelmente para os intereses branquiazuis, parece que Abanca fechou a billa dos cartos, pois segundo informou a Radio Galega bloqueou a fichaxe do tamén dianteiro Luís Fernández por implicar un desembolso de 200.000 euros. Ademais, o Dépor dixo adeus a Ruí Costa e ao seu principal activo, Diego Rolán, quen como recoñeceu o presidente Vidal "tiña unha ficha inasumíbel" na Segunda B.

E se na Coruña optaron por reforzar o ataque, Ferrol fixo o propio coa liña defensiva coa chegada do polivalente pivote uruguaio Juan Bautista Viacava e de Mariano Gómez, robusto central arxentino de 1,97x90 quilos cedido polo Atlético de Madrid.

Un pouco máis ao sur, en Pontevedra, incorporaron Juan Carlos Fernández Marín 'Pitu', que vén ofrecer unha alternativa na dianteira no caso de que Rufo volva caer lesionado.

Finalmente, o filial celeste fíxose cos servizos de Diego Barri e Kevin Soni, mentres que o Coruxo asinou Mangana, Chabboura, Piñán e Esteban López.

Comentarios