O Celta estreará himno polo seu centenario

Os olívicos festexan os seus 100 anos en 2023.
O presidente Mouriño apuntou os primeiros datos dos fastos. (Foto: RC Celta)
photo_camera O presidente Mouriño apuntou os primeiros datos dos fastos. (Foto: RC Celta)

O 23 de agosto de 2023 o Real Club Celta de Vigo alcanzará os 100 anos de vida, unha efeméride que a directiva, encabezada polo presidente Carlos Mouriño, encara coa intención de argallar unha serie de fastos acerca dos que comeza a abrollar a información.

Nun acto que se desenvolveu no Salón Rexio da sede do club e que estivo conducido por Carlos Blanco e seguido por futbolistas en activo como Kevin Vázquez, veteranos como Manolo Rodríguez Alfonso 'O gran capitán', representantes da afección e familiares de Manuel de Castro 'Hándicap' —un dos grandes impulsores da creación do equipo en 1923—, a presentación comezou coa proxección dun vídeo que resumiu os fitos históricos do Celta e que deu paso á posta de longo "dun dos símbolos do centenario", o cartel oficial, obra do deseñador galego Xosé Vizoso.

Nunha segunda peza audiovisual mostrouse, ademais, a marca do centenario. Partindo do traballo do cartel de Vizoso desenvolveuse unha tipografía que se verá complementada cunha reinterpretación do escudo, aínda que desde o club aclararon que este "non cambia, simplemente convivirá durante 2023 con esta nova marca creada para a ocasión".

A pesar de que non se afondou no calendario concreto de actividades que se desenvolverán baixo o paraugas deste centenario, o Celta avanzou que ao longo do ano se desenvolverán "actividades organizadas en cinco grandes bloques: Celtismo, Historia, Cultura, Social e, por suposto, Fútbol".

"Será un ano para gozar de exposicións, novas experiencias en Balaídos, palestras, arte, encontros de afeccionados, libros, contidos únicos, partidos históricos, visitas excepcionais, concertos e… por suposto, un himno do Centenario", engadiron desde a escuadra celeste, confirmando así que igual que fixeron outros equipos como Real Madrid, Atlético de Madrid ou Sevilla, creará un novo tema musical para tratar de representar o sentimento celeste do século XXI.

Finalmente, Carlos Blanco volveu abrir o debate sobre o futuro na cabeza do club, pois deixou caer que o próximo ano 2023 a escuadra olívica podería ter unha muller como presidenta, en clara alusión a Marian Mouriño, filla dun Carlos Mouriño que cando chegue o centenario terá xa 80 anos de idade.

Comentarios